O OBXECTIVO DO BNG FOI, É, E SERÁ SEMPRE MELLORAR O NOSO CONCELLO

Ernesto Filgueira insta a Cubela a poñerse a traballar e adicar fondos para acabar coa discriminación que padece a parroquia de Viascón

Piscinas de Cabanelas, nun estado lamentábel
Piscinas de Cabanelas, nun estado lamentábel
Ernesto Filgueira insta a Cubela a poñerse a traballar e adicar fondos para acabar coa discriminación que padece a parroquia de Viascón

Cerdedo-Cotobade, 26 de agosto de 2022. Após a denuncia do BNG do estado calamitoso no que se atopaban as piscinas de Cabanelas (Viascón), suxas, coa matogueira até a cintura, e co columpio e o tobogán para as crianzas imcumprindo a lexislación vixente en materia de seguridade, o alcalde de Cerdedo-Cotobade moveu ficha e mandou limpar este espazo emblemático de Viascón. 

Filgueira, que afirmara “sentise avergoñado” do nivel suciedade na que a veciñanza e visitantes atopaban as impraticábeis piscinas, agradeceu a limpeza. “Non era tan difícil de facer, se un día despois da nosa denuncia pública se puido adecentar, o que demostra o desleixo do goberno municipal por manter en boas condicións estas instalacións”. Mais lembrámolle ao sr. Cubela que o espazo merece unha atención maior, merece a demandada e agardada reforma Integral de toda a súa contorna, cun espazo paisaxístico con especies autóctonas, un moderno parque infantil adaptado á lexislación vixente e unha área de recreo co seu mobiliario urbano e limpeza,

Se o BNG non denuncia, as piscinas e a súa contorna non se limpan

“Sorprendeume a saída de tono do sr. alcalde, cando se lle puxo sobre a mesa a situación na que, en pleno verán, se atopaban as piscinas e a súa contorna -afirmou Ernesto Filgueira-, mexando fóra do testo, nunha actitude impropia dun rexedor responsábel, que ten que atender ao seu municipio e ás necesidades dos seus veciños e veciñas”. O que está claro é que se o BNG non denuncia, as piscinas non se limpan.

Piscinas de Cabanelas no momento da denuncia do BNG
Piscinas de Cabanelas no momento da denuncia do BNG
Operarios limpando a contorna das piscinas após a denuncia do BNG
Operarios limpando a contorna das piscinas após a denuncia do BNG

Man tendida para mellorar o concello

O portavoz nacionalista afirmou que Cubela sabe dos grandes problemas que ten Viascón, igual que sabe de que en todos os anos que leva de alcalde non fixo nada por afrontalos. “E se non os coñece, convídoo a que lea a moción do BNG que se negou a debater no pasado pleno de xullo, que aí están detallados os máis importantes”.

“Equivócase Cubela se pensa que nós queremos entrar no confronto polo confronto. Demostramos sobradamente nestes máis de tres anos que sempre plantexamos alternativas viábeis aos problemas do noso concello. Por iso o animamos a que deixe de facerse o mártir e traballe para mellorar Cerdedo-Cotobade. Nese camiño sempre nos encontrará. Pola contra, debe saber, que se continúa sen enfrontarse aos problemas, sempre nos terá en fronte. O noso obxectivo foi, é, e será sempre mellorar o noso concello, e de aí nada nin ninguén nos sacará”, afirmou Filgueira

 

Ernesto Filgueira insta a Cubela a poñerse a traballar e adicar fondos para acabar coa discriminación que padece a parroquia de Viascón