Ernesto Filgueira apela ao “Espíritu de San Xusto” para defender o monte comunal diante dos intentos de usurpación

Ernesto Filgueira apela ao “Espíritu de San Xusto” para defender o monte comunal diante dos intentos de usurpación

Cerdedo-Cotobade, 22 de agosto de 2022. O portavoz municipal do BNG, Ernesto Filgueira, apelou ao “espíritu de San Xusto”, no inicio do novo curso político, para pór en valor a loita veciñal como elemento fundamental para a defensa do territorio diante das graves ameazas que axexan sobre o monte comunal, sexa en forma de invasión eólica, sexa coas modificacións lexislativas que está a desenvolver o PP no Parlamento Galego.

Filgueira, lembrou como na década dos 90 do século pasado a unión veciñal e a súa loita decidida por defender o que era seu derivou nunha grande vitoria que puxo fin aos intentos da igrexa de usurpar a carballeira de San Xusto. “Foi todo un exemplo de dignidade que mostrou a todo o país como a loita de todo un pobo conseguíu vencer á todopoderosa igrexa, que pretendía facerse coa nosa carballeira. E ese é o espíritu que temos que recuperar para impedir que as eólicas e a nova Lei de Montes se queden co noso monte”.

O BNG -lembrou Filgueira- leva meses dando a batalla contra a invasión eólica desde todos os ámbitos, desde a información á veciñanza, ás alegacións, pasando polas mobilizacións e as iniciativas institucionais, tanto no Concello como no Parlamento Galego. “Ese é o camiño que temos que seguir para impedir novas agresións ao noso territorio”, afirmou o portavoz nacionalista.

Reparto masivo de boletíns informativos

O BNG está a repartir nestes días un boletín informativo no que se resume a nosa actividade municipal, e no que a defensa do noso medio e das potencialidade do noso concello teñen un notábel peso. “Para nós Informar á veciñanza e ter un contacto directo con ela é fundamental. O boletín é un resumo -por necesidade breve- do traballo que levamos a cabo, pero tamén traza as grandes liñas polas que imos continuar no que queda de mandato para ofertarlle aos veciños e veciñas un proxecto que defenda o noso concello, a nosa calidade de vida, e promova un desenvolvemento económico sustentábel e respetuoso co medio ambiente”.

 

Ernesto Filgueira apela ao “Espíritu de San Xusto” para defender o monte comunal diante dos intentos de usurpación