Marga Caldas acusa ao PP de mentir co IBI
A responsábel local do BNG de Poio, Marga Caldas, cargou duramente contra o Partido Popular polas "mentiras e terxiversacións" que o PP está a realizar desde hai días sobre o IBI. "Parécenos unha auténtica desfachatez que o señor Moldes se permita o luxo de pedir dimisións, cando o primeiro que debería cesar no seu cargo é el, por faltar á verdade dun xeito tan flagrante", aseverou a voceira nacionalista.
Caldas insistou, tal e como xa fixera o propio concelleiro de Facenda, o tamén nacionalista Xulio Barreiro, en que en Poio non se aplicou ningunha suba ao IBI para segundas vivendas. "A realidade é que a día de hoxe en Poio a única modificación que se aplicou o IBI son as bonificacións que xa están en vigor para familias numerosas, para explotacións agrícolas e para edificios que iniciarán reformas apostando por métodos de enerxía sustentábel, e que van do 50 ao 25%". A nacionalista considera "de extrema gravidade" que o señor Moldes dea a entender que o recibo para segundas vivendas se incrementou este ano, algo que é totalmente falso.
As contradicións do PP
Marga Caldas criticou, ademais, a doble moral do Partido Popular. "Aquí temos ao señor Moldes falando dunha subida que non se produciu, mentres que en Sanxenxo ou Marín o PP quixo impulsar a mesma medida, pero cunha suba do 50% para segundas vivendas. Contradícense eles mesmos", enfatizou.
A portavoz nacionalista lembrou que o Goberno do Estado modificou a Lei de Vivenda, e agora só se contempla a opción de aumentar o IBI a grandes propietarios, polo que o Concello descartou esta posibilidade e non se aplicou. "Saír a vender como un éxito unha resolución que non terá ningún tipo de efecto para os veciños e veciñas é ridículo, pero o máis grave é querer facer crer á cidadanía que esa suposta subida se está a aplicar. Se tivese a máis mínima vergonza o señor Moldes cesaría neste tipo de manobras, pero xa sabemos o cómodo que se sinte xerando crispación e retorcendo a realidade, tal e como vén amosando nos últimos dez anos", criticou Caldas Moreira.
Unha xestión exemplar
A voceira do BNG defendeu a xestión do compañeiro Xulio Barreiro e lembra que "neste 2022 o Goberno local de Poio, a través da área de Facenda, sacou adiante bonificacións e reducións nos recibos do IBI, da viñeta para híbridos e eléctricos e para outros impostos que son totalmente novidosos na comarca e que sirven para establecer unhas taxas máis equitativas, xustas e que reafirman o noso compromiso co establecido na Axenda 2030", finalizou.