DOMINGO 8 ÁS 18.00 H. PRAZA DA PEREGRINA

A Marcha Mundial das Mulleres chama a mobilizarse este 8M en Pontevedra para reivindicar vidas dignas baixo o lema ‘Feminismo é revolución’

A Marcha Mundial das Mulleres chama a mobilizarse este 8M en Pontevedra para reivindicar vidas dignas baixo o lema ‘Feminismo é revolución’

Pontevedra, 27 de febreiro de 2026.- A Marcha Mundial das Mulleres (MMM), movemento de acción feminista que agrupa diferentes colectivos galegos en rede, chamou hoxe a manifestarse en Pontevedra o vindeiro 8M, Día Internacional das Mulleres Traballadoras, para reivindicar vidas dignas baixo o lema ‘Feminismo é revolución’. A MMM subliña que é necesario amosar unha resposta forte dende o local ante a persistencia da desigualdade nun contexto no que o machismo está a repregarse. Así, pediu unha grande participación na manifestación convocada na cidade para o vindeiro domingo día 8 ás seis da tarde, con saída e fin na Praza da Peregrina.

As feministas defenderon que a igualdade proclamada dende certos ámbitos non é máis que un espellismo. “Hai quen pensa que xa avanzamos dabondo, que xa non é necesario saír á rúa a defender os nosos dereitos. Pero a realidade demóstranos que non é así”, subliñou a voceira Carme Fouces, quen destacou que os avances non están a ser iguais para homes e mulleres. As mulleres, subliñou, seguen a soportar máis precariedade, máis temporalidade disfrazada de conciliación, a cobrar menos-uns 4.700 euros menos de media ao ano- e a asumir maioritariamente os coidados.

A MMM puxo de manifesto que a reforma laboral afecta a toda a clase traballadora, mais golpea con máis forza ás mulleres por seren maioría nos sectores máis precarizados. “A pobreza ten rostro de muller. Pode ser unha muller soa con fillos ao cargo, cun contrato precario, facendo horas extra sen cobrar, soportando abusos laborais e sexuais -soportando ao baboso do xefe ou do seu compañeiro-, e chegando á casa esgotada sen saber se poderá pagar os recibos. E todo se agrava se es migrante, nova, maior, ou tes unha discapacidade”, insistiu.

Fouces destacou que nada do conquistado está garantido. Lembrou que “todo se gañou loitando, organizándonos, saíndo á rúa, plantándolle cara á inxustiza, e se baixamos a garda, non só non avanzamos senón  que retrocedemos”, dixo, e argumentou que hai razóns para saír este 8 de marzo novamente á rúa: “dicir alto e claro que estamos aquí, que non nos conformamos, que non imos permitir un paso atrás. Para romper ese espellismo da igualdade que nos queren vender”.

A MMM convidou a reivindicar o 8M xuntas, con forza e colectivamente, “porque cando as mulleres se moven, moven o mundo”. “Somos as garantes da paz e da non violencia fronte a estes líderes agresivos e destrutores. Galiza liderou o movemento feminista contra calquera ameaza e temos que seguir facéndoo. Se quedamos na casa, gañan os malos”, dixo.

“Este 8M, ás 18.00 h. na Peregrina, todas á rúa. Por nós, polas nosas fillas, por todas as que veñen detrás e por todas as que nos seguirán. Porque o que está en xogo é a vida presente e a vida futura, unha vida digna”, finalizou Fouces.

A presentación da campaña ‘Feminismo é Revolución. Terra Viva. Pobos Libres. Vidas Dignas’ deste 8M foi presentada hoxe na Casa da Luz por representantes da MMM, entre elas integrantes de CIG, BNG, Erguer, GN, As Moiras, As Amarindas, Mocidade Galega Pola Memoria, Comando Mazá, Arela e SLG.

Acto do BNG sobre Feminismo e Sindicalismo
Acto do BNG sobre Feminismo e Sindicalismo

Feminismo e Sindicalismo

O BNG celebrou o pasado 25 de febreiro un acto público con motivo do 8 de Marzo, baixo o título “Feminismo e Sindicalismo”, que contou coa participación de Viki Canoura, Marta Ferreiro e Cecilia Tarela.

No acto, celebrado na Casa da Luz, recalcouse a importancia de que as mulleres participen activamente e asuman responsabilidades sindicais, salientando que en moitos dos conflitos que se están a dar actualmente en sectores como a limpeza, a conserva ou o transporte, o papel das mulleres é fundamental. 

Con datos sobre a mesa tratáronse cuestións moi importantes e transversais para as mulleres como a precariedade laboral (que ten nome de muller), o problema da vivenda, os recortes nas Administracións Públicas, que se están cebando con sectores como o ensino, a sanidade ou a axuda no fogar, ou o acoso e a violencia contra a muller no traballo.

DOCUMENTO DO BNG SOBRE A SITUACIÓN SOCIOLABORAL DA MULLER GALEGA

A Marcha Mundial das Mulleres chama a mobilizarse este 8M en Pontevedra para reivindicar vidas dignas baixo o lema ‘Feminismo é revolución’