Manuel Fariña acusa ao PP de esquecer as necesidades de Caldas, ao rexeitar a emenda do BNG para a ampliación do comedor do CPI Alfonso VII

Manuel Fariña acusa ao PP de esquecer as necesidades de Caldas, ao rexeitar a emenda do BNG para a ampliación do comedor do CPI Alfonso VII

Caldas de Reis, 19-12-2023. . O BNG de Caldas de Reis amosou hoxe e a súa preocupación pola aprobación dos orzamentos da Xunta para 2024 no Parlamento sen que se aceptase a emenda nacionalista que incluía cartos para ampliar o comedor do CPI Alfonso VII. O voceiro local do Bloque Manuel Fariña destaca que os `populares’ “seguen a esquecer as necesidades de Caldas e abandonan ás familias na conciliación a pesares de que o comedor é unha petición de hai anos”.

Fariña subliñou o seu “enfado e decepción” ante a postura do PP a pesares de era “ben previsible”, toda vez que a principios de mes o conselleiro de Educación Román Rodríguez xa evitara falar das melloras no comedor na súa visita á vila, e o propio xefe territorial destacara que a ampliación non era precisa xa que as prazas existentes “cobren a demanda”.

Fariña destacou que o PP estivo “mareando” ás familias do CPI sen cumprir os seus compromisos, xa que lembrou que este pasado verán dende Educación estudaban a necesidade do comedor e comprometéronse coa comunidade educativa e coas familias a levalo adiante.

Manuel Fariña:  “É unha oportunidade perdida, pero son optimista porque estou convencido que un novo goberno na Xunta co BNG á fronte impulsará as obras"


O Concello, dende entón, estivo á espera de que a Xunta de Galicia presentase o proxecto e a petición de licencia, asegurando que daría todas as facilidades para levar a actuación adiante. De feito, os servizos técnicos municipais enviaron informe sobre a viabilidade da actuación no terreo dispoñible anexo á escola, explicando que a parcela na que se pretendía construír ou instalar os módulos prefabricados era viable, posto que tiña aínda edificabilidade sen aproveitar.

Sen embargo, houbo un último xiro de guión no que o comedor quedou definitivamente esquecido, ante o que Fariña destacou que “é preocupante que nin sequera este PP que está a regalar cheques en plena campaña electoral para conseguir votos se queira comprometer con Caldas para cubrir necesidades básicas”.

“O rexeitamento da emenda do BNG é unha nova oportunidade perdida para mellorar os servizos que se lle prestan á cidadanía e axudar a quen máis o precisa”, dixo Fariña, para engadir o Bloque seguirá a facer presión e traballar para que a ampliación sexa unha realidade. De feito, subliñou que o vindeiro ano, coas eleccións galegas, ábrese unha posibilidade para o optimismo “cando o novo goberno galego na Xunta, co BNG á fronte, impulse a obra”.

Manuel Fariña acusa ao PP de esquecer as necesidades de Caldas, ao rexeitar a emenda do BNG para a ampliación do comedor do CPI Alfonso VII