Manu Fariña colle a Portavocía do BNG en Caldas
Manu Fariña incorpórase como concelleiro do BNG en Caldas de Reis en substitución de Iñaki Fdez. que, por motivos laborais, ten que deixar o posto. O Obxectivo que se marca para este periodo é devolverle a Caldas ao lugar que se merece
Manuel Fariña vén de anunciar a súa incorporacón como concelleiro do BNG en Caldas de Reis en substitución de Iñaki Fernández. Ambos os dous estiveron acompañados na rolda de prensa por Alicia Aboy, responsábel Local do BNG.
Na devandita rolda de prensa, o actual concelleiro do BNG Iñaki Fernández amosouse orgulloso do traballo desenvolvido durante estes anos e da colaboración prestada por todo o equipo do BNG, mais, a firmou, “por motivos persoais e unicamente por motivos persoais, de carácter laboral, véxome na obriga de presentar a miña demisión”.
Na sua intervención fixo referencia ao novo equipo situado á fronte do BNG en Caldas de Reis que foi un piar imprescindíbel dende que asumiu a súa responsabilidade no último proceso asemblear.
A seguir interviu o novo concelleiro, Manuel Fariña, quen comezou facendo un recoñecemento explícito do traballo do seu compañeiro para, a seguir, desgranar os seus obxectivos no traballo municipal.
“Temos a obriga de devolver Caldas ao lugar que se merece”, resumiu para rematar a intervención. Para iso conta cun equipo renovado, “Alicia e máis eu sumamos menos anos que os que ten Iñaki”, bromeou, dentro dun BNG que aparece como a forza política claramente á alza no país. Neste sentido afirmou que “sentimos todo o orgullo e a confianza de traballar por Caldas e por Galiza con este BNG renovado que lidera Ana Pontón”.
Cea-Homenaxe a Iñaki
O BNG celebrará unha cea-homenaxe ao noso compañeiro Iñaki Fernández o vindeiro sábado 21 de abril do Hotel-Restaurante Lotus. Se queres asistir podes anotarte ben no local comarcal ben poñéndote en contacto coas compañeiras e compañeiros de Caldas de Reis.