O Manifesto do 8 de Marzo, elaborado por alumnado do IES Sánchez Cantón, déixao claro: «O machismo está fóra de xogo»

Pontevedra, 6 de marzo de 2025. Unha gran faixa na que se pode ler + Feminismo franqueado polo lema da campaña municipal do 8 de Marzo - O feminismo mellora o mundo. Tamén para ti- loce na fachada da Casa Consistorial. A súa instalación deu paso á lectura pública no vestíbulo do Manifesto do Día Internacional da Muller, elaborado por estudantado do Consello da Muller Nova do IES Sánchez Cantón e lido por tres alumnas: Cristina Martínez Lariño,Tala Froiz Martínez e Manuela González Martínez. Neste acto estiveron arroupadas por edís dos tres grupos políticos con representación municipal (BNG, PSOE e PP), co alcalde Miguel Fernández Lores e a concelleira de Igualdade, Anabel Gulías á fronte.

En nome da mocidade, as alumnas agradeceron “os avances de quen se esforza por cambiar o comportamento machista ou ataque a calquera forma de igualdade, respecto e liberdade”. Pero tamén o esforzo “miles de persoas que ao longo da historia se implicaron na loita e mesmo lograron mudar as leis” e dirixindo a mirada ao mediático caso Rubiales, subliñaron “agora quen nos bica sen permiso pasa directamente á bancada en lugar de ser vitoreado”.
Son moitos os retos que enfrontan as mozas e mulleres no día a día, e para acadar a igualdade piden “respecto e madurez”, a todos e todas, no mundo real e no virtual. E, engadiron “a verdade é que o machismo é a actitude de preponderancia dos varóns respecto de nós e o feminismo é a doutrina que defende a igualdade de dereitos entre home e muller”.
E que para se entendera ben, explicaron o feminismo cun símil deportivo (futboleiro): “a defensa sería o feminismo mentres que o machismo é o atacante. Pero un atacante que leva moito tempo intentando deixarnos atrás. Un atacante, pois, que está por diante da defensa, nun claro fóra de xogo. Así que calquera gol que nos meta é ilegal aínda que moitas veces quen arbitra non o vexa e todo pareza válido”. Para rematar cunha mensaxe de esperanza: “queremos que teñades claro que aínda que neste momento, o marcador parece reflectir vantaxe cara ao machismo, queda moito partido, e xuntas e xuntos, faremos unha barreira para evitar que siga avanzando”.
PRÓXIMAS CITAS
O 8 de Marzo tingue de violeta todo o mes con actividades e mobilizacións na rúa. Ademais das manifestacións convocadas o propio Día Internacional da Muller, o Concello de Pontevedra en carteira as seguintes citas:
Mércores 12 de marzo, ás 11.30 horas, no Teatro Principal. Acto de entrega dos VIII Premios Ernestina Otero Sestelo.
Estes galardóns recoñecen e valoran aqueles proxectos educativos de ensino non universitario (Infantil, Primaria, Secundaria e postobrigatorias) innovadores e relevantes en canto á incorporación da perspectiva feminista que supoñan un exemplo de boas prácticas en materia de igualdade. Coa actuación de Trémola Teatro
Venres 14 de marzo e sábado 15 de marzo, a partir das 12.00 horas, no Teatro Principal. VIII Encontro As mulleres que opinan son perigosas.
Nesta oitava edición escoitaremos a quince profesionais de diferentes perfís para seguir amosando que este foro pontevedrés é o punto de encontro necesario para visibilizar e reivindicar o espazo que as mulleres merecen no xornalismo e nos ámbitos de poder e de opinión.
A entrada é de balde ata completar aforo, pero recoméndase inscrición, (prazas limitadas). Tamén haberá retransmisión por streaming. O encontro conta con servizos de interpretación en lingua de signos.
Ao remate do evento, abrirase o prazo para a terceira edición do Premio de Opinión “Mulleres que opinan”, que permanecerá aberto ata o 8 de abril.
Mércores 2 de abril, ás 20.00 horas, no Teatro Principal. Invisibles de Redrum Teatro
Derradeira oportunidade de ver a obra Invisibles, de Redrum Teatro, dirixida por Marián Bañobre e baseada no libro homónimo da xornalista Montse Fajardo, que relata historias reais de violencia de xénero, sufridas por sete mulleres galegas.
MANIFESTO ELABORADO POLO CONSELLO DA MULLER NOVA DO SANCHEZ CANTÓN