Máis de 700 rapazas e rapaces participarán no I Campionato Galego Escolar de Taekwondo que terá lugar en Caldas
Caldas, 20 de xuño de 2024. Máis de 700 rapazas e rapaces participarán este sábado día 22 no I Campionato Galego Escolar de Taekwondo que se celebrará en Caldas de Reis. Durante toda a xornada o o Pavilón municipal da vila termal acollerá as competicións da mellor canteira galega deste deporte, dende 9 a 14 anos, nas disciplinas de exhibición e combate.
O evento deportivo foi presentado no Salón de Plenos da Casa Consistorial caldense polo tenente de alcalde e responsable da área de Deportes, Manuel Fariña, xunto ás integrantes do club deportivo ‘Número Phy’ Lúa Piñeiro e Fernando Rascado, ademais de representantes da Federación Galega de Taekwondo.
O responsable municipal nacionalista destacou que acoller na vila termal este campionato “fainos especial ilusión” por un motivo dobre: achegará ata Caldas a milleiros de persoas e servirá para homenaxear a unha deportista local como é Lúa Piñeiro.
Segundo dixo, esta competición galega “converterá á vila de Caldas no centro do deporte e o Taekwondo galego”. Subliñou que o Concello será un fervedoiro de xente, xa que se prevé que ademais das e dos deportistas participantes se despracen como acompañantes outras 2.000 ou 3.000 persoas a maiores que ao longo do día suporán un aliciente para a actividade económica local.
“As rúas e prazas estarán ateigadas grazas a este manancial de deportistas e persoas espectadoras que virán a ver este campionato”, insistiu Fariña, quen destacou que dende o goberno local “estase a impulsar Caldas como destino deportivo”. Apuntou que son moitas as probas que se están a poñer en marcha, lembrando que durante o que vai deste ano xa se deron grandes éxitos de participación nas carreiras de orientación e tamén no trail Laxe dos Bolos, iniciativas ás que se suman as diferentes andainas programadas por moi variadas localizacións do concello e outras novas iniciativas: “Queremos poñer o deporte caldense no máximo nivel organizando todo tipo de campionatos, como neste caso, de Taekwondo”, subliñou.
Fariña tamén destacou que este I Campionato Galego Escolar supón o recoñecemento á traxectoria de Lúa Piñeiro, agora directora do club ‘Número Pi’ e responsable da organización e dirección do evento deportivo escolar deste sábado. “Lúa Piñeiro está a ter resultados impresionantes no pouco tempo que leva de traxectoria con este club, pero xa como deportista levou o nome de Caldas por todo o mundo tendo resultados verdadeiramente abraiantes. Para nós é un auténtico orgullo poder contar con ela como directora deste campionato galego”, subliñou Manuel Fariña