Máis de 250 pequenas e pequenos despiden as Escolas Deportivas Municipais de Soutomaior

Gonzalo Outeiro, Rosana Martínez Boullosa e Manu Lourenzo na entrega de medallas
Gonzalo Outeiro, Rosana Martínez Boullosa e Manu Lourenzo na entrega de medallas
Máis de 250 pequenas e pequenos despiden as Escolas Deportivas Municipais de Soutomaior

Soutomaior, 1 de xuño de 2026. O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, o concelleiro de Deportes, Gonzalo Outeiro, e a concelleira de Igualdade e de Benestar Social., Rosana Martínez Boullosa, asistiron á clausura das Escolas Deportivas Municipais do concello de Soutomaior,  que dende o mes de outubro a maio oferta o concello de Soutomaior. Unha cita que non se perdeu e da que tamén formaron parte Raquel Villaverde, coordinadora deportiva en Soutomaior, e Silvia Suárez, animadora ludico-deporttiva. 

Neste curso foron máis 400 as persoas que participaron nun total de 14 actividades entre as que se atopaban moitas disciplinas. Para as e os máis pequenos da casa, as escolas deportivas infantís, ás que asistiron máis de 250 nenas e nenos,  tiveron a opción de participar en baloncesto, pádel infantil, tenis infantil, xinmasia acrobática, ximnasia rítmica, xogos motores, iniciación ao deporte, multideporte, voleibol e patinaxe deportivo infantil. As  escolas deportivas para persoas adultas, conformadas máis de 150 persoas, tiveron pola súa banda para asistir entre actividade física para adultos, actividade física para a terceira idade, tenis adulto, pádel adulto e volei para persoas adultas. 

Durante a mañá do 30 de maio as escolas deportivas infantís, ofreceron una pequena exhibición do seu coñecemento do deporte que practicaron ao longo de todo este curso escolar. Cada un na súa modalidade amosou a súa destreza na disciplina practicada nestes 8 meses. 

Unha clausura que tivo unha duración de unha hora e onde, ao remate, Manu Lourenzo, Gonzalo Outeiro e Rosana Martínez Boullosa fixeron entrega a cada unha e un das e dos participantes dunha medalla polo esforzo e adicación amosado ao longo deste curso. 

Manu Lourenzo deu as grazas ás familias, ás monitoras e monitores, ás coordinadoras, ao persoal municipal e, sobre todo, ás nenas, nenos e persoas adultas que formaron parte este ano das Escolas Deportivas Municipais de Soutomaior. Tal e como dixo o alcalde “hoxe celebramos meses de esforzo, compañeirismo, aprendizaxe e ilusión. Durante este curso, centos de veciñas e veciños participaron nas diferentes actividades deportivas organizadas polo Concello, convertendo o deporte nun punto de encontro e convivencia para todo o municipio. Quero felicitar especialmente ás máis pequenas e pequenos, que hoxe nos demostrastes todo o aprendido ao longo destes meses. Ver a vosa ilusión e as vosas ganas é a mellor recompensa para seguir apostando polo deporte en Soutomaior”. O alcalde rematou a súa intervención dándolle “as grazas a todas e todos. Que viva o deporte, que vivan as Escolas Deportivas Municipais e que viva Soutomaior”. 

Unhas Escolas Deportivas Municipais que descansarán neste verán e que volverán pisando forte no mes de outubro con toda a oferta de cara ao vindeiro curso. Pero dende o concello xa anunciaron que o deporte seguirá moi presente nos vindeiros meses de verán. 

Máis de 250 pequenas e pequenos despiden as Escolas Deportivas Municipais de Soutomaior