Magnolias para Os Salgueiriños e Rafael Dieste
A Concellaría de Servizos urbanos básicos que xestiona Xaquín Moreda incorpora aos traballos de xardinería a plantación de novos exemplares de árbores en distintas zonas da cidade. Na actualidade, ademais do sostemento dos xardíns e zonas verdes, o departamento de parques está a desenvolver unha campaña sanitaria de poda en boa parte das árbores urbanas, co obxectivo de alongar vida destas especies así como de mellorar a calidade de vida da veciñanza evitando que as pólas entren polas fiestras dos edificios.
Nestes días incorporou a estes labores a plantación de novas árbores no barrio dos Salgueiriños e na rúa Rafael Dieste. Nesta zona da cidade estaban plantados ficus, un exemplares cun porte excesivamente grande (chegan a medir até 15 metros de altura), moi podados na parte baixa para evitar que as pólas molestasen aos viandantes e ás vivendas e unha copa escasa tamén moi podada polos mesmos motivos e non cumpría os obxectivos de sombra que se busca coas árbores urbanas. Ademais, o sistema radicular estaba a causar problemas nas beirarrúas e nas calzadas.
Por este motivos os ficus foron substituídos por 14 magnolias de folla caduca (9 en Salgueiriños e 5 en Rafael Dieste), que darán maior vistosidade ás rúas coas súas flores (semellantes á praza de San Xosé) e unha sombra suficiente para poder refrescar o ambiente no verán pero tamén para deixar pasar o sol.