"Apego" propón unha chea de actividades para todas aquelas familias que queiran enriquecer a súa crianza e socialización en galego
O concello de Pontevedra abríu o programa de actividades de Apego para esta primavera, con propostas dirixidas ás familias con fillos e fillas de até 6 anos ou que mesmo están agardando un novo membro; todas elas son de balde, mais precisan de inscrición previa, xa que contan con prazas limitadas.
As actividades de Apego van dirixidas a nais e pais, para darlles a coñecer recursos que sirvan para activar ou enriquecer a lingua que se fala en familia coas crianzas, e tamén para promover espazos de socialización en galego para as familias. O formulario de inscrición, como é habitual, atópase na web oficial do Concello de Pontevedra, https://apuntate.pontevedra.gal/.
O programa consta de actividades programadas en distintos espazos da cidade, con diferentes opcións de 0 a 6 anos; obradoiros de arrolos, de creación de monicreques, para experimentar coa cianotipia ou para xogar. Luís Prego, Migallas, Cé Orquestra Pantasma, Miudiño ou a Fundación Legar son algunhas das entidades que guiarán as distintas sesións.
Tamén se inclúe un ciclo de actividades fóra da cidade, en distintas parroquias, para familias con crianzas a partir de 3 anos: Oficios e saberes estará guiado por Ab Origine antropoloxía e por Polo Correo do Vento. Cada sesión constará dunha pequena explicación de carácter antropolóxico sobre o tema da sesión, un conto, unha sesión guiada de debuxo e un pequeno obradoiro para practicar os oficios que as familias irán coñecendo e experimentando: olaría, cestería, costura, carpintería, menciña... Todo, co acompañamento musical de Antón Ke.