A ESCRITORA PONTEVEDRESA OPTA ESTE ANO A DOUS IMPORTANTES GALARDÓNS INTENACIONAIS
Pontevedra renderá homenaxe a Fina Casalderrey a través dunha exposición na Ferraría
O Concello de Pontevedra e a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil inaugurarán o 18 de abril unha exposición na praza da Ferraría para recoñecer e homenaxear a carreira de Fina Casalderrey, escritora pontevedresa que este ano opta a dous importante galardóns internacionais: o premio Memorial Astrid Lindgren 2024 e o premio Hans Christian Andersen 2024, coñecido como o Nobel da Literatura Infantil, o maior recoñecemento internacional que se concede a un autor ou autora viva, organizado polo IBBY dende o ano 1956. Esta é vez que Fina Casalderrey opta a este prestixioso galardón, logo da iniciativa da OEPLI en 2009 e de GÁLIX en 2011, o que da mostra da importancia da nosa escritora.
A mostra estará composta por 20 paneis que pemitirán coñecer máis sobre a vida da escritora, contada a través de anécdotas e declaracións que ela mesma ofreceu en diferentes medios ao longo de todos estes anos. Tamén poderán achegarse a algunhas das súas obras, escollidas entre as máis de sesenta que editou até o de agora.
Fina Casalderrey é un referente da literatura galega contemporánea, non só pola súa dedicación á literatura infantil e xuvenil, senón tamén polos seus traballo noutros xéneros e a súa implicación como mestra, oficio ao que dedicou 40 anos da súa vida.
A exposición, escrita por María Lado e ilustrada por Nove Noel, leva por título "Fina Casalderrey: medrando entre historias" e destaca os fitos da súa traxectoria sen perder de vista a humanidade e cariño co que Fina recibe a quen se achega a ela. Dende GÁLIX consideran esta homenaxe necesaria un xesto de agradecemento por todas as historias que saíron na súa man e que engaiolan a varias xeracións de lectoras e lectores, ao tempo que fan medrar a nosa literatura.
Fina Casalderrei e Pontevedra
Esta exposición súmase aos múltiples recoñecementos que se deron na súa cidade. Así,o pasado ano Pontevedra acolleu os actos organizados pola Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, no 2009 foi a encargada de ler o pregón das Festas da Peregrina e o colexio de educación infantil de Monte Porreiro foi bautizado polo seu nome.