O concello de Barro asina un convenio de colaboración coa Fundación Xoán XXIII para o coidado do parque da natureza de Barosa
O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, e o Director xerente da Fundación Xoán XXII, Diego Chapela, subscribiron un convenio de colaboración entre ambas entidades, a través do cal o Concello de Barro contribuirá a que a Fundación poida seguir adiante co seu labor social. A Fundación Xoán XXIII é unha entidade sen ánimo de lucro que leva máis de 50 anos traballando pola inserción sociolaboral de persoas en situación de vulnerabilidade psicosocial.
Abraldes quixo pór en valor o importante traballo social desta entidade e destacou que o obxectivo do concello de Barro é colaborar coa Fundación Xoán XXIII para que poidan seguir adiante co seu importantísimo labor social formando e axudando á inserción laboral de persoas con dificultades e asegurou estar moi contento porque “Barro vai contar con xardineiros e xardineiras de luxo. Na Fundación Xoán XXIII hai persoas con moita experiencia e con moitos coñecementos en xardinería e farán un traballo espectacular para que tanto a veciñanza de Barro como os visitantes poidan gozar deste entorno marabilloso”.
Coa sinatura deste convenio a Fundación farase cargo durante todo o ano do mantemento de todas as zonas verdes do parque da natureza das Fervenzas de Barosa coas persoas que traballan e forman na Fundación.