ARCADE, 5, 6 E 7 DE ABRIL
Soutomaior vivirá a Festa da Ostra máis inclusiva
A XXXVI Festa da Ostra de Arcade será unha edición moi especial, xa que será a primeira que se desenvolva ao abeiro do programa ‘Soutomaior Inclusivo’, unha iniciativa impulsada polo Goberno de Soutomaior co obxectivo de garantir a inclusividade e a igualdade en todas as actividades municipais.
Neste sentido, levaranse a cabo diferentes iniciativas e medidas durante os días que transcurra a festa (5, 6 e 7 de abril) que permitirán que todas as persoas, sexa cal sexa a súa condición, poidan desfrutar ao 100% da Festa da Ostra. Unha das principais medidas que se levará a cabo é a instalación dun punto de apoio permanente que prestará axuda ás familias con menores con diversidades funcionais. Neste punto, situado a carón do dispositivo sanitario e de seguridade, facilitaráselles información sobre ‘Soutomaior Inclusivo’.
Tamén se lles prestarán cascos antirruído para que poidan desfrutar da zona de recreativos e da tirada de foguetes. Ademais, na zona de recreativos haberá horarios ‘sen ruído’: o venres 5 de abril de 18:00 a 19:00; o sábado 6 de 12:00 a 13:00 e de 18:00 a 19:00; e o domingo 7 de 13:00 a 14:00 e de 18:00 a 19:00. Por outra parte, no punto de apoio ‘Soutomaior Inclusivo’ tamén se atenderá ás familias con menores con diversidade funcional para que non teñan que facer cola nas atraccións.
En canto á zona da carpa principal, onde se levarán a cabo os concertos das orquestras o venres e o sábado e a lectura do pregón o domingo, habilitarase unha plataforma para que as persoas con mobilidade reducida poidan desfrutar de maneira cómoda e accesible. Ademais, na lectura do pregón haberá unha persoa interprete de signos. Tamén para as persoas con mobilidade reducida habilitarase un aparcadoiro xunto á rotonda da Ostreira, sinalizado no Plan de Tráfico
Pregón a cargo do escritor Manuel Lourenzo
A festa da ostra contará o domingo 7 ás 13 h. cun pregoeiro de excepción, o escritor pontevedrés Manuel Lourenzo, natural de Vilaboa e cun grande vínculo con Soutomaior. Lourenzo publicou máis de trinta obras dirixidas tanto a público infantil, como a xuvenil e adulto, cos que obtivo importantes premios literarios: Xerais, Merlín, Carvalho Calero, Café Dublín, Narrativas Quentes, Frei Martín Sarmiento, Barco de Vapor, García Barros, Blanco Amor ou Jules Verne