Desmantelada a zona de acopio e acumulación de residuos na Ponte do Couto
O concelleiro de Sostemento, Xaquín Moreda, compareceu para dar conta das últimas novidades ao redor da parcela situada na rúa Otero Pedrayo, fronte o albergue público de peregrinos e ao carón da Ponte do Couto, onde existía una zona acopio de materiais, chatarra e residuos.
O edil lembrou que ao longo dos últimos anos o Concello amosou a súa preocupación por este asunto, “por cuestións medio ambientais e mesmo estéticas”, ao ser o lugar unha das zonas de entrada da cidade e principal acceso do Camiño Portugués. Deste xeito, Moreda sinalou que existía un proceso administrativo aberto, un expediente disciplinario, que nos últimos días “tivo un bo final”.
O expediente aberto sinalaba a presencia de maleza e residuos no lugar, o que chegado o momento derivou nunha sanción administrativa en forma de multa coercitiva ao propietario do terreo. “Este propietario contactou co Concello e mantivo conversas para explicar que tiña aberto un proceso xudicial para poder solucionar o asunto, polo que o tema foi ralentizado para que puidese avanzar na problemática até chegar a unha resolución xudicial definitiva”, explicou. “Finalmente, en xaneiro do 2024 houbo un acordo no xulgado onde se lle daba o prazo dun mes á xente que estaba a facer uso desta parcela para desaloxala”.
O concelleiro sinalou que este foi un proceso no que o Concello utilizou os mecanismos dos que dispoñía, abríndose agora unha nova porta de futuro para este espazo e as súas proximidades. “Miraremos o que se pode facer de agora en diante xa que é unha zona con moitas posibilidades”, indicou. “O paseo do Gafos está perto e é posíbel que puidera ter continuación. Estudarémolo. Podemos ver xa con outros ollos o lugar e pensar no futuro. Cómpre lembrar que hai varias parcelas na zona, non só a que estaba ocupada pola chatarra”.