Luís Bará: "Esta campaña repite o momento de cambio histórico que se deu en Pontevedra en 1999"

Luís Bará: "Esta campaña repite o momento de cambio histórico que se deu en Pontevedra en 1999"

Pontevedra, 19 de xaneiro de 2024. “Estas son as eleccións do cambio”. Así o manifestou hoxe o cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra, Luís Bará, na presentación da candidatura do Bloque para o 18-F en Pontevedra. O nacionalista asegurou que o novo goberno na Xunta de Galicia e a derrota do PP “están garantidos” se toda a xente que quere que melloren as cousas no país se mobiliza e concentra o seu voto no BNG de Ana Pontón. 

Bará amosouse convencido de que Galiza vive un momento histórico no que hai un sentimento e desexo de cambio na maioría social do país. Subliñou que a decisión que hai que tomar nestas eleccións é elixir “a Rueda, un presidente suplente, sen carisma e teledirixido que preside un desgoberno cheo de cansanzo, descoordinación e incompetencia, cun PP ao servizo do IBEX e das portas xiratorias”, ou ao BNG de Ana Pontón, que quere unha “coalición con Galiza, coa xente e a clase traballadora, cos sectores produtivos, cos concellos... para reiniciar o país e atender as necesidades e preocupacións da cidadanía”.

Bará asegura que estas son as eleccións do cambio e anima a concentrar o voto no BNG para derrotar ao “desgoberno do PP de Rueda”

O cabeza de cartel destacou que o BNG na Xunta será un aliado da área urbana de Pontevedra e puxo sobre a mesa cinco grandes compromisos. O primeiro, a reactivación económica e do emprego, entre outras cousas dinamizando terreo industrial coa ampliación do Campiño e dotacións en Fragamoreira (que o PP só sacou do armario cando chegou ao goberno de Poio).

Falou tamén Bará da necesidade de fortalecer os servizos públicos como a sanidade e a educación, e garantiu o uso sociosanitario do Hospital Provincial. A recuperación da ría será outro dos eixos do novo goberno, dixo, co dragado do río e a activación do traslado dos terreos autonómicos existentes nas Xunqueiras de Alba, liberándoos para a súa recuperación na contorna natural. En materia de infraestruturas, priorizarase a mellora da rede viaria autonómica, principalmente en materia de seguranza viaria, e poranse por diante proxectos como o da Variante de Alba ou a nova vía do Vao.

Finalmente, como quinto gran compromiso, Bará destacou o apoio da Xunta ao Museo de Pontevedra, por consideralo o grande museo nacional de Galiza, salientando ademais que haberá un investimento mínimo de dez millóns de euros para a rehabilitación do conxunto do convento de Santa Clara, “que agora mesmo está paralizada polo PP na Deputación”.

O Bloque presenta a súa candidatura en Pontevedra con cinco grandes compromisos: impulso económico e ao emprego, uso sociosanitario do Hospital Provincial, recuperación da ría, mellora da rede viaria autonómica, potenciación do Museo e 10 millóns de euros para Santa Clara

Todas estas cuestións, o xiro de timón na Xunta de Galicia e a derrota do PP “están garantidos”, insistiu Bará, se toda a xente que quere que melloren as cousas no país se mobiliza e concentra o seu voto no BNG e non se perden apoios en forzas que poden non acadar representación. “É necesario concentrar e que non se dispersen votos, só así se pode dar unha volta ao resultado. Ana Pontón é quen representa o liderado real para un país novo”, dixo Bará, animando a “non tirar unha moeda ao aire” valorando outras opcións que serán “voto perdido e acabarán beneficiando unha maioría do PP”.

Bará tamén destacou que as eleccións están axustadas, polo que animou a toda a xente a votar. Indicou que o PP gañou o último deputado pola provincia en 2020 por apenas 96 votos, polo que dixo que cada apoio para derrotar os populares conta. Sinalou que o PP está á baixa e pode perder dous deputados en Pontevedra que pasaría a gañar o BNG. “Iso pode ser o que lle dea a volta á maioría”, insistiu.

O cabeza de lista subliñou todas estas cuestións na presentación da candidatura por Pontevedra. Salientou que é unha equipa polivalente e versátil cun grupo que une a experiencia e caras non tan coñecidas, con moita xente nova como Marta Gómez, Brais Ruanova, Ariadna Fernández, Rocío Barreiro, Victoria Canoura ou Diego Moreira. Salientou que se trata dunha equipa plural con ganas de tomar o relevo, ao igual que Ana Pontón tamén suporá un cambio xeracional na Xunta. 

“O 18-F pode pasar algo extraordinario e histórico, que desterraremos ao PP e poñeremos á fronte da Xunta a unha muller, a Ana Pontón, a primeira en 40 anos de autonomía logo de seis presidentes homes; unha líder con proxecto e coas mans libres para defender Galiza”, finalizou.

Pola súa banda, o alcalde Fernández Lores, que fixo de anfitrión no acto da candidatura, destacou que “estamos ante un momento crucial” no que se ve que “é posible cambiar o goberno da Xunta”. Destacou que a Pontevedra lle interesa un goberno en San Caetano con máis lealdade institucional, algo que, dixo, “ás veces botamos en falta para avanzar con máis velocidade” en diferentes proxectos. Salientou que Luís Bará será un excelente conselleiro xa que, dende o seu traballo no Concello ata nas outras responsabilidades sempre demostrou “ganas de traballar” e “confianza no país”.

Luís Bará: "Esta campaña repite o momento de cambio histórico que se deu en Pontevedra en 1999"