Pontevedra esquiva o colapso total ao aminorar o impacto da non aprobación dos orzamentos
Pontevedra, 19 de xaneiro de 2024. O edil de Economía e Facenda, Raimundo González, compareceu para realizar unha fonda análise e ofrecer unha explicación detallada das retencións de crédito realizadas pola da situación orzamentaria actual do Concello e Pontevedra.
«Como consecuencia do rexeitamento da proposta de orzamento 2024 do Goberno Local no pleno, e logo do rexeitamento da posterior cuestión de confianza, houbo que analizar de xeito exhaustivo a prórroga do orzamento 2022», indicou o concelleiro. «Por parte dos servizos económicos, fundamentalmente o órgano de xestión orzamentaria, fíxose un traballo duro e complexo. Os primeiros datos que obtivemos conducían ao colapso total do Concello e isto non é algo inventado».
Así, González lembrou que o orzamento prorrogado é de 74.242.074,51 €, tendo xa uns gastos comprometidos (persoal e bens e servizos), «tirando por abaixo», de 62.694.014,86 €, o que deixa unha diferencia de 11.548.059,65 €.
«Eses 11,5 millóns eran os cartos que nos quedaban para facer fronte a outros gastos, e as necesidades de crédito que tiñan os servizos xa eran de 15 millóns de euros», explicou. «É dicir, que se fixésemos fronte a todos os compromisos non nos quedaría nin un céntimo, nin un lapis poderíamos mercar. Sería o colapso total do Concello».
Analizadas as necesidades de financiamento, aplicáronse as minoracións de partidas. O resto serían 11,5 millóns de euros que debían ser procurados nas distintas partidas dispoñíbeis, retendo na maioría das veces, o 100 % das mesmas como é o caso da Feira Franca, o concerto con entidades deportivas, a organización de eventos culturais ou as distintas subvencións.
Doutra banda, González indicou, nun sentido práctico, «que todos aqueles compromisos que non fosen ineludíbeis foron pospostos até marzo». «Dotamos crédito para unha parte, outra foi posposta e outra quedou paralizada. Son como tres decisións simultáneas vendo que temos que reter e non hai máis remedio, aquelas cousas que poden esperar un chisco e outras cuestións que hai que paralizar si ou si».
O edil sinalou que para facer serie a toda unha serie de contratos —enerxía eléctrica, o 50 % da incremento da masa salarial ou os proxectos da Santiña— retense crédito das desas partidas, entre outras.
«Houbo unha situación na que o Concello estivo preto do colapso total, xa que se realmente retemos todo o que habería que reter, non teríamos nin para pipas, falando en prata», finalizou. «O que buscamos foi unha solución para aminorar en parte este impacto. Non queda arranxado o problema, mais si logramos avanzar algo e manter proxectos esenciais e cousas fundamentais coma o Entroido ou os comedores escolares e outras cuestións relacionadas con asuntos sociais».
González quixo subliñar que isto si traerá unha ralentización severa no Concello de Pontevedra, evitábel no seu momento, e que adiará diversos proxectos e xerará un atasco administrativo no futuro unha vez se aprobe o novo orzamento.