Lores recibiu a afectados polas participacións preferentes
21 dec. 2012 - 14:55
"Un roubo consciente aos cidadáns" así calificou as participacións preferentes e as subordinadas o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, nunha entrevista que mantivo este xoves, día 20, con catro representantes da plataforma Marín-Pontevedra, encabezados por Rosana Prado.
Tras agradecer o xesto do alcalde, Prado anunciou que continuarán na rúa manifestando as súas reivindicacións de recuperar a totalidade do diñeiro depositado nas antigas caixas baixo o engano e a venda fraudulenta de participacións.
Lores dixo que as preferentes fóron en definitiva un xeito de capitalizar os bancos roubando o seu diñeiro a unhas 70.000 familias galegas. Foi unha operación enmarcada no proceso de bancarización das caixas e a destrución do sistema bancario que non contou co debido control político. Calificou como inaceptábel que aos galegos lles digan que só poderán recuperar o 40% do seu capital en forma de accións, mentres no caso de Bankia a solución podería ser distinta, xa que hai noticias que apuntan a que o Estado facilitaría que os donos do diñeiro puidesen recuperalo na súa totalidade.
O alcalde ofreceu todas as facilidades para que os afectados puidesen utilizar as instalacións municipais para levar a cabo medidas de visibilización do seu problema.