A Xunta retira a Pontevedra os fondos para o servizo de Prevención de Condutas Aditivas de 2012
O Concello de Pontevedra vén de coñecer que na reunión da executiva da Fegamp celebrada este mércores pasado (19 de decembro) foron informados de que a Xunta de Galicia non asinará o convenio de Prevención de Condutas Aditivas para o ano 2012 que está a rematar, (os cartos xa foron adiantados polo Concello). A concelleira de Benestar Social, Carmen Fouces, asegurou que a Xunta enganou a todos os cidadáns e a todos os alcaldes galegos, incluídos os do seu partido conseguindo que por unanimidade rexeitaran asinar un novo paripé para un posíbel convenio do ano 2013.
O convenio para este ano 2012 estaba comprometido por escrito, o borrador ultimado e até o 21 de outubro, asegurábase por parte da Fegamp, da Consellería de Benestar e por boca de varios alcaldes do PP, que só faltaba un informe técnico menor, pero que o convenio se ía asinar, asegura Carmen Fouces.
A Xunta non asinará o convenio para este ano que remata. O Concello xa adiantou os cartos dos programas realizados durante todos estes meses
Trátase do vello truco da Xunta. Financia durante anos neste caso dende 1997- unha competencia propia da Xunta, e cando está en marcha, traballando ben, retira os fondos e dille aos concellos que se busquen a vida, creando conflictos laborais, sociais
Dende a Concellaría de Benestar Social Municipal lémbrase que as subvencións de condutas aditivas están divididas en dúas. Por un lado, prevención e por outro, asistencia sanitaria. A Xunta sabe que a cantidade para asistencia é insuficiente, e non obstante elimina a de prevención. O Concello ten que engadir 100.000 euros para a partida asistencial.
As persoas destinatarias dos programas de prevención de condutas aditivas son os mozos e mozas que están nas idades máis vulnerábeis. Eliminalos supón camiñar cada unha sociedade máis enferma, máis fracturada e máis inxusta.
A equipa de prevención do Concello de Pontevedra leva desenvolto un traballo de excelencia, calificado así pola propia Xunta nas sucesivas auditorías que foron realizadas. Todos os concellos tiñan a Pontevedra como referente en prevención de condutas aditivas, cuestión que a Consellaría non lle inflúe para nada á hora de tomar as decisións que toma.