BALANCE DA VIAXE INSTITUCIONAL A WASHINGTON
Lores: "Pontevedra está a seguir o camiño correcto e alá onde imos atopamos prescritores que posicionan a cidade no mundo"
Pontevedra, 16 de marzo de 2026. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, valorou hoxe de forma "moi positiva" a recente viaxe institucional aos Estados Unidos, asegurando que os resultados foron "máis alá do que contabamos". O rexedor destacou que a proxección da cidade a través da participación en grandes foros internacionais é o "camiño correcto" para atopar prescritores e continuar posicionando Pontevedra no mundo.
O eixo central da viaxe foi a conferencia impartida na sede do Banco Mundial, un cumio sobre mobilidade sostible que reuniu a expertos de todo o globo. Lores subliñou o interese espertado polo caso pontevedrés, facendo especial mención á valoración realizada polo representante da Organización Mundial da Saúde (OMS).
Os outros poñentes internacionais cualificaron o modelo de Pontevedra como un exemplo de "planificación intelixente", "brillante", de seguridade e de saúde. A propia moderadora do Banco Mundial amosouse encantada coa capacidade de Pontevedra para reducir drasticamente a contaminación e os vehículos a motor, mellorando ao mesmo tempo a calidade de vida.
Máis alá do Banco Mundial, a delegación pontevedresa mantivo reunións na Embaixada de España e un importante encontro co responsable de planificación do concello de Washington DC. A capital estadounidense, que actualmente elabora a súa planificación estratéxica para o ano 2050 con obxectivos de tráfico calmado e compactación urbana, amosou interese no modelo de Pontevedra, especialmente no ámbito da seguridade viaria e a consecución de "cero mortos”.
No tocante á futura axenda internacional do concello, o alcalde avanzou que a finais deste mesmo mes Pontevedra estará representada no Senado de Italia. O concelleiro Xaquín Moreda viaxará a Roma, por invitación do prestixioso urbanista Carlos Moreno (creador do concepto da "cidade dos 15 minutos"), para asistir á formulación da que podería ser a primeira lei de rexeneración urbana de Europa.