Soutomaior humanizará a Praza Poza do Souto en Moreira
Soutomaior, 16 de marzo de 2026. O concello de Soutomaior converterá a Praza Poza do Souto, no barrio de Moreira, nun nucleo de centralidade no barrio.
Con este proxecto sobre a mesa, dende o concello de Soutomaior aumentarase a superficie peonil, a través do tratamento dos pavimentos escollidos de tal xeito que se ofrecerá á veciñanza un espazo público libre, amplo e de calidade para o desenvolvemento da mobilidade e lecer, así como un xeito máis seguro e amable para todas e todos os usuarios desta zona como punto de encontro.
Trátase dun proxecto que contará cun investimento de 151 mil euros de fondos propios e estará dotado de zonas verdes e espazos de lecer, utilizándose materiais nobres que converterán o espazo nun núcleo de centralidade e de referencia no barrio.
Esta mañá, o alcalde, Manu Lourenzo, dixo que “Moreira é un barrio que conta cun inmenso valor patrimonial e unha fermosura paisaxística única, polo que as actuacións urbanas que se leven a cabo, deben de estar acordes coa identidade e as características neste barrio. Unha actuación que se suma as melloras realizadas xa en Moreira en Fondo de Vila e Ouxil“.