Lores e Feixóo póñense de acordo para retomar a construción da variante de Alba
Pontevedra, 10 de novembro de 2020. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, mantivo esta mañá un encontro co presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feixóo, nas instalacións do goberno galego para repasar os proxectos pendentes da administración galega na cidade do Lérez. Na reunión tamén estivo presente o concelleiro de Infraestruturas e vicepresidente da Deputación, César Mosquera.
O alcalde recoñeceu sentirse “moderadamente satisfeito” co resultado do encontro xa que se avanzou nalgúns temas atrancados como a variante de Alba, o transporte metropolitano ou o Gran Montecelo.
Sobre a variante de Alba, o alcalde explicou que chegaron ao acordo de retomar o proxecto pero cun impacto menos agresivo sobre o terreo. No caso de que “por motivos técnicos, a Xunta non se puidese facer cargo da obra, o Concello se ofreceu a asinar un convenio e facemos nós a vía”, indicou o alcalde.
O Gran Montecelo será licitado neste mes de novembro con 15 millóns de euros máis, é dicir, un orzamento total de 130 millóns de euros. O alcalde lembroulle a necesidade de incluír no Plan sectorial a expropiación dos terreos do que será a vía perimetral do complexo hospitalario, que a día de hoxe está sen resolver, e incluír os terreos rústicos perimetrais compatibles con estacionamento en superficie.
O saneamento e o dragado da ría foron outros temas abordados na reunión. Sobre o primeiro o alcalde informou que o documento chegou nestes días ao Concello e está sendo valorado polos técnicos; e sobre o segundo instou a Feixóo a executar o dragado da ría para o que están destinados 3 millóns de euros nos orzamentos da Xunta.
O transporte metropolitano foi outro dos temas nos que se chegou a acordo. O presidente da Xunta dixo que está en disposición de asinar un acordo para contribuír ao pago do déficit das liñas que cheguen ou saian de Pontevedra cara outras localidades; e asinar un convenio para financiar dúas liñas puramente urbanas. En total, arredor de 270.000 euros.
A desafectación da Xunqueira da Gándara tamén formou parte dos asuntos da reunión, que durou arredor de dúas horas. Lores manifestoulle o interese do Goberno local de desafectar toda a Xunqueira para crear un gran parque periurbano próximo á cidade, e para o que sería necesario dispor, entre outros terreos, dos que a Xunta ten na zona. O presidente da Xunta comprometeuse a estudalo, decisión que pasará por buscar unha alternativa ás instalacións que agora teñen no lugar.
Outros temas foron a estación intermodal que “se vai atrasar un pouco pero está prevista a súa inauguración para o primeiro trimestre de 2021”, ou a renaturalización do río do Gafos, poñendo en valor a senda urbana até o nó do Marco, tema sobre o que quedaron en profundar no proxecto. Sobre os residuos sólidos urbanos o alcalde solicitou maior coordinación entre Sogama e os concellos para sacar maior proveito das infraestruturas que se poidan construír no futuro.
Tamén abordaron a creación do Complexo Deportivo da Parda pendente da xestión municipal; da ausencia dunha delegación da Televisión de Galicia na cidade; dunha posible colaboración para o impulso do Museo provincial; a nova residencia da terceira idade que estará na parcela municipal da U-18 (Joaquín Costa-Doce de Novembro); ou da necesidade de que Pontevedra participe nas decisións sobre a programación do Xacobeo na cidade.