Lores destaca a colaboración co comercio local á hora de poñer en marcha un Nadal "elegante e divertido"
Pontevedra, 3 de decembro de 2025. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, visitou esta mañá de mércores a Praza da Ferraría para supervisar as obras de escenificación do Nadal, un espazo que, segundo sinalou, se verá "na súa intensidade cando se quiten as vallas, e cando se acendan as luces".
O rexedor valorou a montaxe como "un paso máis á hora de mellorarmos os distintos elementos que decoran esta praza da Ferraría no Nadal”.
Lores quixo salientar a colaboración con empresas locais de Pontevedra, indicando que o Concello sempre procura traballar con elas. Neste caso, mencionou especificamente a Taller Aberto e ERA Comunicación como as empresas encargadas da montaxe e decoración, e mostrouse convencido de que o resultado "vai quedar fermosísimo”.
Estas festas, e o seu programa, contarán cunha duración de preto dun mes enteiro, e incorporará novidades. Concretamente, na Praza da Ferraría as innovacións terán que ver co cine e o audiovisual. Ademais, tamén haberá algunha novidade e sorpresa na Praza do Concello.
O alcalde subliñou a importancia deste esforzo para promover non só a alegría, senón tamén o consumo no comercio local. Tamén se busca fomentar a asistencia ás atraccións, xa que están ligadas ao "recibo do comercio local", o que asegura que "queda todo na casa”.
Respecto ao acendido do alumeado, o Concello agarda que o tempo os "respecte" para que os nenos, as nenas e toda a cidadanía poidan desfrutar do acto. Lores confirmou que, en caso de choiva, o alumeado se acenderá igual, aínda que se agarda que haxa un oco para facer o acendido oficial, se é preciso, con paraugas.
O Alcalde concluíu agradecendo o traballo do concelleiro de Educación e Festas e de todo o equipo municipal, e manifestou a súa convicción de que "este esforzo pague a pena", desexando que a cidadanía desfrute dunhas festas felices.