PRAZA DA PEREGRINA. 12.00 H.

O Outono de Jazz regresa a Pontevedra co mellor do jazz do país durante o mes de decembro

Presentación Outono de Jazz
Presentación Outono de Jazz
O Outono de Jazz regresa a Pontevedra co mellor do jazz do país durante o mes de decembro

Pontevedra, 3 de decembro de 2025. A concelleira Anabel Gulías presentou esta mañá acompañada de Luis Carballo, do Seminario Permanente de Jazz, unha nova edición do Outono de Jazz, que achegará a música á rúa durante o mes de decembro. 

Logo de agradecer ao Concello a súa implicación para levar a cabo proxectos coma este e antes de debullar o programa, Luis Carballo salientou que “aínda que o ano pasado presentamos o ciclo como Sons de Outono, este ano que celebramos o 25 aniversario e traemos un programa con máis peso do Jazz, recuperamos o nome orixinal de Outono de Jazz”. 

Outono de jazz 2025
Outono de jazz 2025

Sábado 6 de decembro – Pablo Patiño Cuarteto ‘Quoma’ 

A música de Pablo Patiño caracterízase pola súa firme postura sobre a arte, a historia e os temas contemporáneos, fusionando influencias tradicionais cunha visión innovadora e vangardista. A súa dedicación e talento convertérono nunha figura destacada na escena internacional do jazz, consolidando o seu legado como un dos músicos máis influentes da súa xeración. 

Pablo Hernández (saxo alto), Javier Gdejazz (trompeta), Pablo Patiño (contrabaixo), Esteban Lavigne (batería). 

Domingo 7 de decembro – Xurxo Estévez Trío 

Xurxo Estévez, contrabaixista de Cotobade, chega a Pontevedra acompañado do guitarrista vigués Guillermo Guerrero e o batería ponteareano Miguel Fernández cun concerto de jazz dinámico, potente e moi divertido, que fará mover os pés. 

Sábado 13 de decembro – Sunil López Trío ‘Smoke gets in your eyes’ 

Sunil López é un dos novos valores do jazz nacional. O pianista e compositor vigués fórmase en varias escolas como o SPJ, o CEMU Estudio e o Jazzcampus de Basilea (Suíza) da man de profesores como Brad Mehldau, William Evans, Lionel Loueke, Aydin Esen, entre outros. 

En febreiro de 2025 sae á luz o seu primeiro traballo discográfico a trío como líder, Smoke gets in your eyes, gravado en 2023 e editado no selo barcelonés Fresh Sound New Talent. Neste álbum presenta composicións orixinais, que se caracterizan polo lirismo e a sensibilidade melódica. Podería definirse o seu son como jazz moderno, pero que se deixa permear por influencias máis antigas do xénero e por artistas doutros estilos. 

Sunil López (piano), Alex Touceda (contrabaixo), Chus Pazos (batería). 

Domingo 14 de decembro – Gloria Pavía e Rafa Morales 

Cunha linguaxe propia, o dúo formado pola cantante Gloria Pavía e o baixista Rafa Morales, achega un repertorio formado principalmente por temas orixinais, arranxados para voz e baixo eléctrico. Unha mestura que xera un diálogo entre os instrumentos e alterna o íntimo e o intenso grazas ao xogo de timbres e ás diferenzas creativas de cada un. 

O Outono de Jazz regresa a Pontevedra co mellor do jazz do país durante o mes de decembro