Lores: "O Concello vai facer o posíbel para reactivar a hostelaría na cidade"
Pontevedra, 5 de maio de 2020. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores mantivo esta mañá un encontro con representantes da hostalería da cidade (Asociación provincial de hostalería, Oampo e Zona Monumental) acompañado das concelleiras de Promoción Económica, Yoya Blanco, e a responsable de ocupación de vía pública, Eva Vilaverde, para coñecer as demandas do sector, expoñer a marxe de manobra que ten o Concello de Pontevedra na xestión económica a estas alturas da crise e tratar de coordinar o inicio dos veladores na fase 1 do Estado de alarma que se porá en marcha o vindeiro 11 de maio.
O alcalde aseguroulles que “o Concello vai facer todo o posible, dentro das súas competencias, para reactivar a economía en todos os sectores; tamén na hostalaría e o turismo que é moi importante dentro da cidade”.
Explicoulles que a situación actual “é moi cambiante”, por iso, neste contexto, “a nosa intención é reinventar todo tipo de actividade que poida xerar movemento coa ocupación do espazo público (lecer e deportes, por exemplo) para garantir que a xente volva de forma moderada ás rúas”.
Pero tamén volveu a facer uso da máxima que deben ter os gobernantes locais, cando menos, neste contexto de crise: responsabilidade, prudencia e sensatez, por iso, adiantou que “non podemos prometer cousas excesivamente” xa que o Concello ten unhas limitacións económicas e unhas competencias definidas que “trataremos de adaptar a estas circunstancias para saír desta co menor dano posible”.