Jeni Iglesias e Santiago Díaz, novos responsabeis locais do BNG en Caldas, márcanse como obxectivo acadar a alcaldía nas vindeiras municipais

Jeni Iglesias e Santiago Díaz co portavoz municipal Manuel Fariña
Jeni Iglesias e Santiago Díaz co portavoz municipal Manuel Fariña
Jeni Iglesias e Santiago Díaz, novos responsabeis locais do BNG en Caldas, márcanse como obxectivo acadar a alcaldía nas vindeiras municipais

Caldas de Reis, 15 de marzo de 2022. “Non nos poñemos límites. O noso obxectivo é pelexar pola alcaldía nas vindeiras eleccións municipais”, afirmou a recén eleita por aclamación Responsábel local do BNG no concello de Caldas de Reis, Jeni Iglesias.

“Cun goberno municipal sen empuxe, sen determinación e sen ideas, Caldas precisa como auga de maio un cambio de rumbo que permita aproveitar ao máximo as potencialidades do municipio a favor das persoas”, afirmou. “Estes tres anos que levamos de mandato serviron para evidenciar que o BNG é a única forza política que está a traballar con seriedade, honestidade e claridade de ideas para que Caldas progrese; e ese traballo intenso de Manuel Fariña e Xosé Manuel Fariña está calando na nosa sociedade”.

Jeni Iglesias “Temos proxecto, temos equipo e temos a ilusión necesaria para facer de Caldas un concello moito máis dinámico e atractivo”

A defensa do medio ambiente -coa recuperación e rexeneración do Umia como punto estrela-, a loita a prol da sanidade pública -tan atacada nos últimos tempos pola Xunta do PP- a mellora da seguranza viaria, a atención ao rural e unha aposta decidida pola calidade urbana no centro da vila, serán os eixos dun programa realista e ambicioso coa que buscaremos “atraer á maioría da poboación caldense que a día de hoxe está farta “da desidia e incompetencia do goberno municipal”.

“Temos proxecto, temos equipo e temos a ilusión necesaria para facer de Caldas un concello moito máis dinámico e atractivo, e conseguilo vai ser, a partir de hoxe, o obxectivo que guíe toda a nosa acción política, institucional e social”, afirmou a nova responsábel do BNG.

Manuel Fariña: “A elección por aclamación de Jeni e Santi mostran un BNG cohesionado como nunca e que vai a por todas”

Pola súa banda, o portavoz municipal, Manuel Fariña, dixo sentirse orgulloso de que Jeni e Santiago desen o paso ”de encabezar a dirección política do BNG en Caldas. “Quen os coñecemos sabemos das súas capacidades políticas e de traballo, e que desen o paso para encabezar a dirección da organización é, para min, un verdadeiro luxo que, estou convencido, dará os seus froitos tanto para o BNG como para todos os caldenses e as caldensas”. “A súa xuventude e o seu compromiso son valores que quero salientar, así como que fosen eleitas por aclamación de toda a militancia. Demostramos que temos un proxecto sólido, cohesionado e coas ideas claras para Caldas”.

Jeni Iglesias, de 25 anos, é experta en turismo urbano e xestión de empresas turísticas, ademais de ser un dos rostros máis recoñecíbeis do movemento feminista na comarca, mentres que Santiago Díaz, de 30 anos, é profesor de matemáticas.

 

Jeni Iglesias e Santiago Díaz, novos responsabeis locais do BNG en Caldas, márcanse como obxectivo acadar a alcaldía nas vindeiras municipais