A NOVA DIRECCIÓN DO BNG EN BARRO, ESCOLLIDA POR ACLAMACIÓN, DESTACA POLA SÚA SOLVENCIA POLÍTICA E XUVENTUDE
Incrementar a base social e electoral, obxectivos do novo responsábel local do BNG en Barro, Santi Pazos
Barro, 14 de marzo de 2022. A Asemblea Local do BNG de Barro escolleu por aclamación a Santi Pazos Ucha como novo Responsábel local, que se marcou como obxectivos para esta nova etapa: “continuar facendo medrar o BNG en Barro, incorporando a todas as veciñas e veciños que desexen participar do noso proxecto e traballar para obter os mellores resultados posíbeis nas vindeiras eleccións municipais, xa que o BNG é a única forza política que conta cun proxecto de futuro para o noso concello”.
Santi Pazos é veciño da parroquia de Agudelo, participa de distintos colectivos sociais e culturais de Barro, así como tamén destaca a súa implicación no mundo sindical, onde exerce de delegado da CIG. No cargo de Vicerresponsábel local estará Ángela Aboy, veciña de Perdecanai e estudante universitaria.
Pazos releva no posto ao concelleiro Iván Vello, que ocupa na actualidade o posto de Responsábel do BNG na comarca de Pontevedra-Caldas.
Con 35 e 22 anos respectivamente, a elección de Pazos e Aboy como responsábeis da organización na localidade pon de manifesto a clara aposta do BNG pola xuventude.