Os servizos xurídicos do Concello de Pontevedra sinalan que a non liberación do espazo marítimo-terrestre de Lourizán podería introducir elementos de discrecionalidade na aplicación da lexislación
Pontevedra, 1 de marzo de 2022. A portavoz do grupo municipal do BNG no Concello de Pontevedra, Carme da Silva, compareceu para ofrecer unha valoración sobre a decisión do Tribunal Supremo de admitir a trámite os recursos presentados pola sentencia da Audiencia Nacional que anula a prórroga da concesión de ENCE no espazo de dominio público marítimo-terrestre de Lourizán.
A edil sinalou que os servizos xurídicos do Concello «non agardaban outra cousa» e que «traballaron sempre, desde que saíu a sentencia, coa hipótese de que o Supremo puidese admitir a trámite os recursos. En ningún momento foi manexada outra posibilidade e levan tempo traballando con esta hipótese».
Da Silva comentou que estes servizos xurídicos coñecen en profundidade a sentencia, «que demostraron unha alta capacidade e profesionalidade ao longo dos anos e sabían que debían traballar con esta hipótese». Alén disto, a portavoz tamén sinalou que os servizos traballan coa hipótese de que este proceso de casación «pese moito» a decisión da Audiencia de anular a prórroga pois o espírito da lei é liberar o espazo de dominio público de todas esas actividades que poden ser desenvolvidas noutros lugares. «Do contrario, de non seguir este camiño, semellaría que se están a introducir elementos de discrecionalidade na liberación ou non do dominio público, e isto iría en contra dos obxectivos da Lei de Costas, que busca que estas concesións, unha vez rematen, teñen que ser reubicadas», explicou a edil.
A portavoz municipal do BNG, Carme da Silva, indicou que desde a saída da sentencia da Audiencia Nacional sempre se traballou coa hipótese de que esta fose recorrida no Tribunal Supremo e admitida para a súa casación
«Seguiremos traballando con estas hipótese sobre a mesa, procurando a liberación dese espazo da ría de Pontevedra», finalizou da Silva, que engadiu que esta decisión do Supremo «non nos preocupa pois somos coñecedores da complexidade de todo o proceso que se está a levar a cabo. Coincidimos cos servizos xurídicos na nosa opinión, que son esa introdución de elementos de discrecionalidade na aplicación da lexislación en materia de liberación de dominio público moi importantes. Agardemos que na decisión xudicial só pesen os elementos xudiciais e non haxa valoracións políticas como non pode ser nunha decisión deste tipo».