O Concello de Barro conmemora o Día de Rosalía coa colaboración dos seus centros educativos
Barro, 23 de febreiro de 2022. No 185 aniversario do nacemento da escritora Rosalía de Castro, pedra angular da literatura e cultura galega, o concello de Barro quere renderlle homenaxe e pór en valor a importancia da súa obra, xa que marcou o inicio do período do Rexurdimento e que a converteu icono da defensa do idioma galego.
O concello contou coa colaboración tanto do IES de Barro como do CEIP Amor Ruibal para a selección duns poemas que foron colocados no entorno da Biblioteca e que toda a xente que transcorre por esa zona a diario pode ler. A estes poemas engadiráselle un código QR para que quen queira poida enlazar cun video no que poderá ver como algún alumno ou alumna os recita.
A homenaxe á escritora de Cantares Gallegos ou Follas Novas engadíuselle a proxección da súa imaxe sobre a fachada do concello e que locerá iluminada durante días.
O goberno municipal agradece a colaboración da comunidade educativa nesta actividade que serve para difundir dun xeito distinto e orixinal a obra desta escritora que, a pesar de que as súas obras teñen xa moitos anos, o seu activismo pola lingua e polos dereitos das mulleres, segue vixente nos nosos días.