A incompetencia e desleixo da Xunta de Galiza deixa a sanidade pública en Cuntis nunha situación límite
Cuntis, 18 de marzo de 2024. O Bloque Nacionalista Galego de Cuntis denuncia a situación nefasta que está a vivir o centro de saúde como se pode observar nas simulacións que se adxuntan para pedir cita cos tres médicos do centro feitas durante 3 semanas. As imaxes falan por si mesmas e reflicten un problema que non é puntual.
A situación inclúe axendas pechadas pola non cobertura das baixas do persoal do centro e esperas de ata 20 días para poder ter unha consulta.
No BNG consideramos que non podemos permitir isto. Non se pode deixar que os veciños e veciñas de Cuntis paguen pola incompetencia e o desleixo na xestión da sanidade feita pola Xunta de Galiza.
Hai uns meses, a Xunta de Portavoces do noso Concello mantivo unha reunión co Responsable da Área Sanitaria de Pontevedra, na que este afirmou que ía mellorar a situación do centro médico e que ía mandar un facultativo de reforzo algunhas tardes para acurtar a lista de espera ademais de cubrir a baixa de longa duración dun dos facultativos. Mais nada aconteceu.
Natalia Camiña: “Non é de recibo que continuemos sen pediatra e que as listas de agarda para unha consulta cheguen aos 20 días”
Por se fose pouco, seguimos sen servizo de pediatría que, por certo, ía estar en Cuntis e en Moraña.
“Non somos cidadás e cidadáns de segunda. Demandamos unha atención primaria digna en Cuntis, que atenda áxil e adecuadamente aos nosos veciños e veciñas”, concluíu a portavoz nacionalista, Natalia Camiña.