O Concello de Soutomaior e a Universidade de Vigo amplían a súa colaboración para analizar as políticas públicas de igualdade
26 de febreiro de 2024. O Concello de Soutomaior e o Grao en Dirección e Xestión Pública da Universidade de Vigo (UVigo) veñen de ampliar a colaboración que dende hai meses manteñen ambas administracións públicas. Así, e no marco da materia de Xestión de Redes Sociais Institucionais que se imparte no último curso do grao, un grupo de alumnos e alumnas analizarán as políticas públicas de igualdade do Concello de Soutomaior e a súa aplicación práctica no día a día da institución, tanto no ámbito laboral, como no ámbito da comunicación.
O concelleiro de Persoal e TIC, Diego Moreira, e a concelleira de Igualdade, Rosana Martínez, mantiveron unha primeira reunión de traballo co docente desta materia, Manuel Pérez, e parte do alumnado que levará a cabo esta análise. Na reunión tamén estiveron presentes a Directora do CIM de Soutomaior, Cristina García, e os responsables de comunicación do Concello.
A análise, que se fará por alumnos e alumnas do Grao en Dirección e Xestión Pública, tamén servirá para desenvolver iniciativas futuras que permitan mellorar a aplicación das políticas de igualdade nos ámbitos laboral e comunicativo.
O traballo de análise que se levará a cabo ten por obxectivo dotar o Concello de Soutomaior dunha visión externa da súa política pública de igualdade de oportunidades. Ademais, esta análise incluirá o deseño de propostas de futuro para as actividades desenvoltas, con especial atención no uso das ferramentas da comunicación en xeral, e das redes sociais en particular, para a mellora do rendemento institucional destas políticas de igualdade do Concello de Soutomaior.
Ao tempo, o alumnado participante do traballo aprenderá aplicando a óptica do Aprendizaxe-Servizo como xeito de mellorar a súa formación (sobre todo dende un punto de vista práctico) e de colaborar nunha política pública achegando unha análise que será de valor para o Concello e lles permitirá adquirir novos recursos e metodoloxías nun ámbito práctico.
Para o concelleiro Diego Moreira “a colaboración con outras administracións é un dos eixos fundamentais deste goberno, e máis cando podemos axudar a formar aos futuros xestores e xestoras” ademais matizou que “este tipo de actividades, nas que tanto Concello como Grao teñamos unha formación continua para seguir aprendendo e situarnos á vangarda das políticas públicas, era o que buscabamos cando comezamos a abrir vías de colaboración, e é un orgullo que comecemos a ver froitos tan pronto”.