Abrir as portas ao feminismo

Abrir as portas ao feminismo

Pontevedra, programa unha intensa actividade, con obradoiros, congresos, espectáculos musicais e proxección de filmes

A concelleira de Igualdade, Anabel Gulías, vén de presentar a programación e campaña oficial que o Concello de Pontevedra ten preparada de cara a celebración do Día Internacional da Muller, o vindeiro 8 de marzo. A presentación coincidiu coa colocación da faixa por parte do alcalde e o resto de voceiros da corporación municipal na Casa Consistorial, faixa que conmemora este día e que permanecerá ao longo de toda a semana. 

Gulías explicou que a campaña deste ano ten como base unha idea clara e concreta, desde a que se argalla tanto a programación como a mensaxe comunicativa. “Neste caso tiñamos moi claro que queriamos centrar a mensaxe nunha palabra que en realidade son varias: o feminismo, os feminismos”, sinalou a edil. “O feminismo é unha ferramente fundamental para mellorar a sociedade na que vivimos. No 2018 vivimos unha revolución no que as mulleres demos un paso á fronte e dixemos que até aquí chegamos, cunha serie de mobilizacións masivas na rúa onde reclamamos os nosos dereitos, facendo balance de décadas e décadas de políticas de igualdade”. 

“O feminismo persegue as grandes loitas que non son outras que as que permitan conseguir igualdade para todos e para todas”, indicou a edil, que lembrou que durante a xestación da campaña deste 2024, conversando xunto coas traballadoras da área de Igualdade, apareceu a enquisa publicada polo CIS en xaneiro deste mesmo ano, que dicía que “nada máis e nada menos” que o 44 % dos homes cre que as políticas de Igualdade chegaron demasiado lonxe. 

Deste xeito, a área de Igualdade dirixida pola concelleira Gulías tomou a decisión de centrar a campaña no feminismo e nos feminismos. “Abrirlle as portas ao feminismo, seguir traballando” A campaña interpela a distintos homes a través de mensaxes “moi clariñas e con retranca”, eses homes que aínda son reticentes ou que aínda cre que chegou demasiado lonxe. 

“O 8-M non pode ser unha data puntual, senón que ten que ser e derivar nuns principios que definan a nosa forma de facer política, explicou. “Tamén traballeremos na Educación, nos centros educativos, por iso se contemplan unha serie de obradoiros dispoñíbeis para o segundo ciclo de Educación Secundaria”. 

O 8M e as súas actividades funcionarán como un fío transversal e conductor do feminismo, a través de distintos departamentos e propostas, que van desde a proxección do filme O Corno, o congreso As mulleres que opinan son perigosas, un espectáculo musical, diversas actividades no Salón do Libro ou a Escola feminista da Mocidade. Podes consultar o programa completo aquí

Soutomaior centra o 8 de marzo na historia das costureiras do concello

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, a concelleira de Igualdade, Rosana Martínez, a técnica de Igualdade, Marga Taboada e a directora do CIM, Cristina García,  presentaron “Abrindo costuras”, a campaña do 8M que neste 2024 está centrada na historia das costureiras do concello. Ademais dentro das actividades que se organizan en torno a esta data, destaca, entre outras moitas, o concerto de Caamaño&Ameixeiras o 8 de marzo ás 20:00, unha cita que será de balde ata completar o aforo no Centro de Benestar Integrado (Multiusos). 

Con esta campaña preténdese visibilizar a historia das Mulleres costureiras, a súa aportación a vida laboral, ao mundo dos coidados, a creación de redes de sororidade entre mulleres e a nutrición das redes comunitarias.

Tal e como dixo a directora do CIM na presentación “durante anos as mulleres afastáronse da costura por simbolizar a sumisión e o confinamento ao fogar, que simboliza a agulla e o fío, mais nestes tempos onde toca abrir costuras e deconstruir o patriarcado, coser amósase non só como un saber útil que proporciona autonomía, senón tamén como un espazo de resiliencia ante o consumo desaforado, e un poder transformador para ganduxar feminismo e sustentabilidade”.

Todes consultar toda a programación en: 

 

Abrir as portas ao feminismo