Igualdade ultima a campaña do 8M con achegas e suxestións do Consello Municipal da Muller (CMM) e o Consello Municipal da Muller Nova (CMMN)

Anabel Gulías
Anabel Gulías
Igualdade ultima a campaña do 8M con achegas e suxestións do Consello Municipal da Muller (CMM) e o Consello Municipal da Muller Nova (CMMN)

Pontevedra, 14 de febreiro de 2025. A Concellería de Igualdade, que dirixe Anabel Gulías, ultima a campaña municipal do vindeiro 8M. As súas liñas xerais foron presentadas, en reunións sucesivas, ao Consello Municipal da Muller Nova (CMMN) e ó Consello Municipal da Muller (CMM) co fin de que fixesen achegas e suxestións que contribúan a unha mellora do proxecto final. 

A campaña do Día Internacional da Muller incluirá elementos habituais como un lema e unha imaxe ad hoc, o despregamento dunha faixa no balcón da Casa Consistorial e unha programación de actividades que conxugarán debate, visibilización e reivindicación. 

O 8M foi o tema central das dúas reunións, nas que ademais abordáronse outras temáticas. No caso do CMMN as participantes expuxeron as iniciativas impulsadas nos institutos da cidade polos departamentos de Igualdade para combater actitudes e actuacións machistas e a prol da igualdade e a diversidade. 

Só en febreiro, datas como o Día da Muller e a Nena na Ciencia ou o Día de San Valentín, serviron para falar de nesgo de xénero e discriminación, do síndrome do impostor e desigualdade, do mito do amor romántico, de control, de sexismo e machismo. 

Por outra banda, no Consello Municipal da Muller deuse un chanzo máis cara adiante na creación e entrada en vigor do Protocolo de actuación fronte as violencias sexuais en espazos de lecer nocturno do Concello de Pontevedra. Na recta final do pasado ano fóra entregado o borrador do proxecto aos partidos con representación municipal. PP e PSOE fixeron achegas que foron avaliadas no CMM e incorporadas co voto unánime do consello. 

Agora o protocolo será presentado aos locais de lecer nocturno do municipio e as entidades (privadas e públicas) organizadoras de eventos festivos para que tamén eles fagan suxestións. 

De seguido o Concello, a través do CIM, impartirá formación aos empresarios e traballadores/as de locais nocturnos e promotores de eventos de como actuar cunha vítima e coa persoa agresora nun caso de violencia sexual. 

A Concellería de Igualdade pretende activar o que se chamará Protocolo de lecer nocturno. Diversión Asegurada para o verán. 

Igualdade ultima a campaña do 8M con achegas e suxestións do Consello Municipal da Muller (CMM) e o Consello Municipal da Muller Nova (CMMN)