A “Fundación Araguaney-Puente de Culturas” e o Concello de Pontevedra organizan a mostra de cine euroárabe “AMAL en Ruta Pontevedra 2025”

Presentación de Amal en ruta
Presentación de Amal en ruta
A “Fundación Araguaney-Puente de Culturas” e o Concello de Pontevedra organizan a mostra de cine euroárabe “AMAL en Ruta Pontevedra 2025”

Pontevedra, 25 de agosto de 2025.O presidente da Fundación Araguaney-Puente de Culturas, Ghaleb Jaber Martínez, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, presentaron a mostra de cine euroárabe “AMAL en Ruta Pontevedra 2025”, organizada conxuntamente por ambas entidades co obxecto de achegar a sociedade árabe a Galiza, rompendo cos estereotipos e ofrecendo unha visión ampla e multidimensional desta cultura tan heteroxénea. 

O ciclo leva a Pontevedra un resumo da última edición da Semana de Cine Euroárabe Amal, celebrada no Teatro Principal de Santiago de Compostela o pasado mes de outubro. Consta de catro ficcións e un documental –cintas en versión orixinal subtituladas en castelán–, que supoñen un percorrido polo mellor cine árabe da actualidade. Poderanse ver do 1 ao 4 de setembro no Teatro Principal, con entrda gratuíta ata completar o aforo. 

Nesta edición, AMAL en Ruta aborda principalmente temas sobre a identidade, a resistencia cultural e as realidades sociais dos países árabes. Baixo o lema “Existir é resistir”, a programación céntrase na resistencia do pobo palestino e noutras historias de resiliencia en contextos de conflito e migración. Os filmes abordan temáticas como a situación de ocupación e conflito en Palestina, os dereitos da muller en Xordania ou a chegada de refuxiados a Europa. 

A primeira sesión será o luns, 1 de setembro, coa película “The Teacher”, de Farah Nabulsi ás 21:00 horas; o martes, 2 de setembro, proxectarase a ficción “Inshallah Walad”, de Amjad Al Rasheed ás 21:00 horas; o mércores, 3 de setembro, será a quenda para a película “The Old Oak” de Ken Loach ás 21:00 horas; e o xoves, 4 de setembro, a xornada contará cunha dobre sesión, ás 18:30 horas o documental de Lina Soualem “Bye Bye Tiberias” e ás 21:00 horas a ficción “To a Land Unknown”, de Mahdi Fleifel; todas elas producións de gran recoñecemento en festivais cinematográficos internacionais. 

A “Fundación Araguaney-Puente de Culturas” e o Concello de Pontevedra organizan a mostra de cine euroárabe “AMAL en Ruta Pontevedra 2025”