Fariña pide ao PP un apoio claro e contundente ao ‘Kalidas Primavera Fest’ despois de que os populares intentaran desentenderse da recollida de sinaturas en contra do festival

Kalidas Primavera Festival
Kalidas Primavera Festival
Fariña pide ao PP un apoio claro e contundente ao ‘Kalidas Primavera Fest’ despois de que os populares intentaran desentenderse da recollida de sinaturas en contra do festival

Caldas, 31 de marzo de 2026. O tenente de alcalde de Caldas de Reis, Manuel Fariña, solicitou hoxe ao Partido Popular un apoio claro, contundente, sen evasivas nin rodeos ao ‘Kalidas Primavera Fest’. O nacionalista fíxoo ante os intentos dos populares de desentenderse da recollida de sinaturas e do escrito en contra de celebrar o festival na Semana Santa entregado no Concello o pasado xoves. Fariña salienta que o PP local quixo abrir un novo capítulo de confrontación co goberno local mais “errou no seu movemento” e agora intenta cambiar de ‘chaqueta’ con ambigüidades. 

“Abrímoslle a porta ao PP para que realmente se posicione a favor de Caldas. Que diga directamente que apoia o ‘Kalidas’ se realmente quere desentenderse da campaña en contra”, insta Fariña, quen considera que, lonxe de respaldar a celebración, o comunicado oficial feito público polos populares esta fin de semana apenas di que apoia “eventos de calquera índole” sen facer mención expresa ao festival, e incide nas mesmas críticas ao Concello que o texto da recollida de sinaturas, volvendo falar de “constantes ataques” e “animadversión” do goberno local ao “sentimento relixioso” das e dos caldenses. 

Fariña subliña que dende o Concello organizouse o ‘Kalidas’ na  Semana Santa coa finalidade de potenciar o festival e facilitar a chegada de público. “Por moito que o PP queira facer ver outra cousa, nós non estamos aquí para ir contra nada nin contra ninguén. Temos absoluto respecto pola Semana Santa e polas crenzas de cadaquén. Estamos para facer de Caldas unha vila atractiva e dinámica, para encher as rúas de vida, para que a xente nova teña motivos para quedar… e para que Caldas siga medrando”, salienta.

O tenente de alcalde ratifícase en que a campaña de sinaturas contra o ‘Kalidas’ foi instigada polo Partido Popular agochando as súas siglas. Manifestando o seu total respecto polas persoas que asinaron de boa fe, Fariña subliña que foi unha manobra política dos ‘populares’ para intentar crear ruído e un novo episodio na confrontación contra o goberno local. 

Segundo o nacionalista, resulta “penoso” que o PP queira xustificar agora que non foi promotor da iniciativa dicindo que non se posicionou “publicamente” e que “as posicións oficiais son emitidas exclusivamente por representantes políticos”, cando o escrito de sinaturas está ratificado polo voceiro local e por xente moi próxima ao partido. Ademais, foi nos negocios desta contorna próxima ao PP onde se recolleron os apoios ao escrito de queixa. 

“En Caldas coñecémonos todos e todas. O que molesta é que se ‘destapara’ o pastel e que quedara en evidencia que o PP estaba detrás dunha iniciativa que apenas tivo 96 sinaturas. Por iso agora, que ven que non era o camiño, pretenden cambiar de chaqueta e facer como se non tiveran nada que ver, con ambaxes e medias verdades”, lamenta o tenente de alcalde. 

Fariña destaca que  “quen realmente divide e sementa lixo” é quen “ataca -ao ‘Kalidas’- e logo esconde a man, recuando e negando telo feito”. “Nós imos seguir poñendo todo a nosa enerxía, esforzo e dedicación para que Caldas siga avanzando. Esta vila non para”, finaliza.

PROGRAMA

Con respecto ao festival, Fariña subliña que se está xa a realizar a montaxe do  ‘Kalidas Primavera Fest’, que este ano cambia de nome e de formato, deixando atrás a denominación e organización habitual da ‘Festa da Primavera’. O xoves 2 de abril comezará coa mestura de ritmos de El Combo Dominicano, que traerá á súa dianteira de renome, incluíndo a Kenneth, o finalista do Benidorm Fest, e pechará con Groove Amigos, DMiron e Carlos López.

O venres será a quenda de Panorama, unha das orquestras máis recoñecidas no circuíto, cun escenario de 63 metros, un equipo de son impresionante e grandes pantallas que obrigarán ao Concello a reforzar o subministro eléctrico para cubrir as necesidades de enerxía. Dáse a circunstancia de que a orquestra vén de cancelar a actuación que tiña de pago no aparcadoiro de Chanteclair este sábado 28, polo que se prevé que parte da xente que contaba con esa cita achegarase a Caldas como alternativa. O ‘Kalidas’ rematará o sábado coa actuación de Orquestra Saudade.

Todas as actuacións serán ás dez da noite no aparcamento da Tafona, con entrada totalmente de balde. 

Fariña pide ao PP un apoio claro e contundente ao ‘Kalidas Primavera Fest’ despois de que os populares intentaran desentenderse da recollida de sinaturas en contra do festival