ESIXE Á XUNTA QUE POÑA SOLUCIÓNS

O Goberno de Soutomaior denuncia listas de agarda dun mes no Centro de Saúde de Arcade

Manu Lourenzo cunha facultativa do centro de saude nunha reunión no concello
Manu Lourenzo cunha facultativa do centro de saude nunha reunión no concello
O Goberno de Soutomaior denuncia listas de agarda dun mes no Centro de Saúde de Arcade

Soutomaior, 31 de marzo de 2026. O alcalde de Soutomaior, despois de se reunir con varios profesionais de Centro de Saúde de Arcade, sinalou que a sanidade pública do municipio está nunha situación límite “na actualidade hai veciños que teñen que agardar un mes para ter unha cita de atención primaria no municipio”. 

O centro de saúde de Arcade, que xa padecía unha situación de precariedade na atención sanitaria dende hai anos, con cupos superiores aos 1600 pacientes por cada médico e con recortes sistemáticos nos servizos sanitarios, deu nos últimos meses un novo xiro nos recortes e a día de hoxe, despois de que non se cubrirán as xubilacións, tan só conta cun médico a xornada  completa. 

Esta situación fai que durante máis de un terzo da xornada, o centro de saúde quede sen ningún médico, xa que entre as 8.00 e as 9.30h. e as 13:00 e as 15.00h. o centro de saúde de Arcade quedae sen facultativos.

A situación é gravísima, denunciou o alcalde, “xa que durante esas horas xa se teñen achegado pacientes con cadros graves e non houbo médicos para atendelos. Como sigamos así pode  haber unha desgracia e non podemos permitir que a nosa veciñanza estea exposta a estes riscos”.  

O alcalde Manu Lourenzo sinalou que hai máis de tres anos que na Xunta se comprometeron a enviar a este centro de saúde 4 médicos pero a realidade é que “hoxe por hoxe tan só temos un a xornada completa e outra con redución de xornada. Nun concello no que precisamos 4 médicos como mínimo, temos 1 e medio e unha única enfermeira fixa”. 

Unha realidade que fai que, a día de hoxe, haxa veciños e veciñas que teñan que agardar un mes para ter unha cita de atención primaria. Estamos, tal e como di o alcalde, “ante unha sanidade primaria fallida e a única alternativa que se nos dá é médicos pola tarde que non poden atender nin domicilios nin urxencias”. 

Manu Lourenzo tamén sinalou que “hai xa meses que se sabía que a xubilación dunha das médicas do centro de saúde se ía producir, sen que dende o Sergas se adoptase ningún tipo de medida. Hai semanas que temos solicitada unha reunión co conselleiro pero até o de agora non tivemos resposta. E vital que nos sentemos para poñer solución a esta situación antes de sexa demasiado tarde”. 

O Goberno de Soutomaior denuncia listas de agarda dun mes no Centro de Saúde de Arcade