O parque da Parda acollerá un skatepark de case 1.100 metros cadrados

O parque da Parda acollerá un skatepark de case 1.100 metros cadrados

Pontevedra, 31 de marzo de 2026. O parque da Parda tamén contará cun skatepark de máis de 1.000 metros cadrados. A concelleira de Deportes, Anabel Gulías, quixo facer pública esta decisión trala xuntanza nas dependencias do Concello de Pontevedra con colectivos vinculados ao skate na cidade do Lérez.

O obxectivo desta reunión foi, tal e como explica a edil, poder escoitar e recoller as suxestións que as persoas practicantes deste deporte urbano poden realizar á hora de xerar un novo espazo do máximo nivel. Estiveron presentes representantes da Asociación Skate de Pontevedra e de On Air Skate Skull, ademais dos arquitectos do propio espazo a través dunha asistencia técnica, Segura-Ricoy, especialistas neste tipo de construcións.

Desde o estudio de arquitectura sinalan que este futuro skatepark estará pensado para acoller actividades tanto de afeccionados como de profesionais, funcionando como un espazo para todos os públicos e interesados nesta práctica deportiva. Alén disto, Gulías sinala que nos vindeiros meses se seguirán mantendo reunións entre todas as partes para poder seguir incorporando achegas e suxestións.

Cómpre indicar que na zona do futuro parque da Parda na que se construirá esta instalación, estaba contemplada como unha zona na que tamén se contaría cun rocódromo exterior ao tempo que un elemento de skate. A decisión e o consenso técnico final e unificar o espazo e dispoñer finalmente dun skatepark con máis elementos de todo tipo e unha superficie útil moito maior.

Como xa é sabido, o parque da Parda será o maior parque urbano de Pontevedra e a súa construción avanza a bo ritmo, agardándose o seu remate para finais deste mesmo ano.

O parque da Parda acollerá un skatepark de case 1.100 metros cadrados