A estrada Arcade-Amoedo, convertida nunha trampa pola desidia do PP
A estrada provincial EP-2901 que une Arcade e Amoedo, nas proximidades do castelo de Soutomaior foi o escenario nas últimas horas de tres accidentes de tráfico debido á existencia de placas de xeo na calzada.
Resulta inconcebíbel que, sabedoras como eran das baixas temperaturas que se estaban a dar, nin a Deputación activase o protocolo de xeadas nas súas estradas, nin o goberno municipal de Soutomaior lle esixise que o fixera.
Para o BNG é irresponsábel que institucións que deben velar pola seguranza viaria non o fagan, e, que, coa súa desidia, creen situacións de perigo para aquelas persoas que teñen que circular por viais con pracas de xeo.
O Portavoz Municipal do BNG, Fernando Herrero, esixiulle ao goberno municipal de Soutomaior que, para evitar estes accidentes e problemas de seguranza viaria, active, cando as temperaturas o recomenden, o protocolo de xeadas, e que que inste ás restantes institucións a que fagan o propio nas estradas da súa competencia que trascurren polo termo municipal de Soutomaior.