Ernesto Filgueira recolle as demandas da veciñanza de Corredoira e Caroi e pide o ensanche da Ponte da Lomba

FILGUEIRA, ROMERO E RIVEIRO NA PONTE DA LOMBA
Ernesto Filgueira recolle as demandas da veciñanza de Corredoira e Caroi e pide o ensanche da Ponte da Lomba

Cerdedo-Cotobade, 16 de febreiro de 2021. O BNG de Cerdedo-Cotobade foi informado recentemente de diversas demandas das veciñas e veciños de diferentes lugares das parroquias de Caroi e Corredoira. Entre as máis destacadas figuran aquelas nas que reclaman maior atención á seguridade viaria na estrada EP-0401, vial que comunica Carballedo con Caroi. As peticións da veciñanza pasan por unha maior seguridade vial nas travesías das parroquias coa colocación de elementos que contribúan ao calmado do tráfico e levar a cabo unha mellora que permita o paso seguro de vehículos en cada sentido, sen que un deles teña que ceder o paso ao outro, no lugar da Ponte de Ferro, da Lomba. 

Concretamente, a Ponte da Lomba é un ponto sensíbel do vial, ao ser estreita, sen arcéns e ubicada en plena curva. O BNG de Cerdedo-Cotobade comprometeuse coa veciñanza a rexistrar unha moción para ser debatida no vindeiro pleno municipal na que se inste á Deputación Provincial, propietaria do vial, a ensanchar a Ponte da Lomba para dotar ese treito da estrada de mellor seguridade vial para os seus usuarios. Ernesto Filgueira, portavoz do BNG local, vai defender esta iniciativa diante da corporación coa esperanza de que se sumen Partido Popular e Partido Socialista para pechar, após de tanto tempo, unha espera histórica para a veciñanza da Corredoira e de Caroi.

A pesares das circunstancias, dende o BNG temos abertas todas as canles posíbeis para que a veciñanza poida seguir achegándonos as súas demandas e necesidades. Fomos quén de abrir un xeito novo de facer oposición, propósitiva e activa, centrada nos problemas reais. Por iso, anuncio que voltaremos a convocar á veciñanza e ás entidades sociais de cada parroquia así as circunstancias nolo permitan, pois, son moitas as peticións que nos chegan para termos reunións presenciais.

 

Ernesto Filgueira recolle as demandas da veciñanza de Corredoira e Caroi e pide o ensanche da Ponte da Lomba