Ernesto Filgueira demanda melloras urxentes na seguridade viaria a carón da Casa Cultural “Nélida Piñón” de Borela
Cerdedo-Cotobade, 6 de maio de 2021. O portavoz municipal do BNG de Cerdedo-Cotobade, Ernesto Filgueira, acaba de rexistrar unha petición no portelo municipal instanto ao Alcalde a que, de xeito urxente, faga as xestións oportunas para conquerir melloras de calmado do tráfico na estrada que atravesa o núcleo de Borela, especialmente á altura do Centro Cultural Nélida Piñón.
Ernesto Filgueira: “A nosa prioridade é dar conta dos problemas que nos fai chegar a veciñanza e traballar de xeito participativo na procura de solucións que melloren a súa calidade de vida”
Trátase dun espazo de encontro veciñal e xogos dos máis cativos xa que nas súas proximidades atópase un parque infantil. A veciñanza “teme que se poida producir unha fatalidade debido ao á grande velocidade pola que circulan algúns vehículos nesta estrada”. Apunta o veciño Antón Mouriz que “é urxente que o alcalde cumpra coa súa palabra e faga as xestións oportunas diante da administración competente para dar cumprimento ás medidas aprobadas na moción presentada en novembro de 2019 polo BNG e aprobada por unanimidade no pleno”.
Compre destacar que Ernesto Filgueira xa defendera no Pleno Municipal de finais de 2019 melloras no trazado e de seguranza viaria no vial EP-0407 ao seu paso por Borela, así como a construcción dun vial ciclista e peonil paralelo á plataforma rodada concretamente dende a PO-233 ata o entronque co camiño que chega ao lugar da Graña. Nesa mesma moción dábase conta da necesidade de dotar de beirarrúas e arcéns no víal estratéxico para a mobilidade da veciñanza da parroquia e brindar maior seguridade diante do Centro Cultural Nélida Piñón colocando reductores de velocidade e recolocando os sinais de velocidade situados na contorna do núcleo de centralidade da parroquia.
Ernesto Filgueira: “Hai ano e medio que o Pleno aprobou por unanimidade unha proposta do BNG para mellorar a seguranza viaria nesta zona, un tempo máis que suficiente para que se empece a abordar unha solución. Desde o BNG entendemos que unha forma de xestionar máis eficaz e ao servizo dos veciños e veciñas é posíbel e é necesaria”
“Hai ano e medio que o Pleno aprobou por unanimidade unha proposta do BNG para mellorar a seguranza viaria nesta zona, un tempo máis que suficiente para que se empece a abordar unha solución. Desde o BNG entendemos que unha forma de xestionar máis eficaz e ao servizo dos veciños e veciñas é posíbel e é necesaria”, afirmou o portavoz nacionalista.