COMEZAN AS OBRAS DO NOVO MONTECELO
Un día histórico para Pontevedra
Pontevedra, 3 de maio de 2021. O alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores participou hoxe no acto simbólico de inicio das obras do novo hospital de Montecelo, xunto ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, que se celebrou ao carón das actuais instalacións sanitarias de Mourente.
“Estamos contentos porque, finalmente e despois de décadas de avatares, por fin vai ser unha realidade un Gran Montecelo que atenda a todas as necesidades de hospitalización de agudos, consultas externas… para unha área sanitaria de 290.000 habitantes, que creemos que era necesario”, indicou Fernández Lores.
Con máis dunha década de retraso, polo aposta interesado do PP en Monte Carrasco, hoxe comezaron as obras do novo Montecelo
O alcalde de Pontevedra relatou que “houbo anteriores intentos -de construír un novo hospital- que fracasaron e que son coñecidos pola opinión pública”, polo que concluíu que “hoxe é un día histórico”. O futuro será dispor dunha “área sanitaria con todas as novas tecnoloxías, coas camas suficientes para agudos nun mesmo edificio. É un avance importantísimo”, asegurou.
O Concello de Pontevedra achega ao novo hospital unha cifra que se aproxima aos 20 millóns de euros
No día cero, tal e como o definiu Fernández Lores, o alcalde pediulle á empresa que “axilice ao máximo o seu traballo e que o faga nunhas condicións ben feitas e cun traballo exquisito porque é para un hospital público que queremos que dure moitísimos anos”. De feito restoulle importancia aos prazos, e afirmou que “me dou por satisfeito se en 4 anos está o hospital. Logo se é en 2 e medio ou en 3 e medio, pois mellor, pero sempre aparecen complicacións que poden facer que se atrase”.
Fernández Lores lembrou a participación do Concello de Pontevedra nesta obra a través da sinatura dun convenio coa Xunta de Galicia no que se comprometía a mellorar o abastecemento de auga (obra xa realizada), a executar a rede viaria do novo hospital que se fará coa colaboración da Deputación provincial; a achega de 4 millóns de euros en efectivo para as expropiacións, ademais da condonación do IBI do centro hospitalario. “Unha cifra que se aproxima aos 20 millóns de euros que é unha contía moi importante para unha administración local”, indicaba o alcalde.