Ernesto Filgueira demanda a chegada urxente da fibra óptica á totalidade de Cerdedo-Cotobade
Cerdedo-Cotobade, 1 de xuño de 2022. O portavoz municipal do BNG, Ernesto Filgueira, xunto con outros membros da súa equipa, veñen de celebrar unha reunión en Carballedo, no marco dos seus encontros parroquiais que organizan cada quince días para escoitar e compartir reflexións sobre a situación da parroquia, e as demandas da veciñanza, a pequena empresa e as entidades sociais.
Unha das queixas máis salientábeis (frecuentes e recurrentes en todas as parroquias) é “a lentitude coa que se está a instalar a fibra óptica no territorio do concello”, apuntando, a maiores, “situacións habituais de discriminación entre lugares dunha mesma parroquia, nas que algunhas vivendas conten co servizo de internet de banda ancha, mentres outras moitas non contan coa prestación deste servizo, a día de hoxe esencial”.
Ernesto Filgueira afirmou que “a veciñanza, os pequenos empresarios e as entidades sociais queixáronse desta lamentábel situación de desleixo e abandono por parte da Xunta, e non entenden como concellos limítrofes teñen acceso a fibra dende hai anos na totalidade do seu territorio e en Cerdedo-Cotobade nin tan sequera hai previsión de que se complete a curto prazo”.
Ernesto Filgueira: “Dende o ano 2019 veño levando aos plenos municipais, de xeito reiterado, propostas instando ao sr Cubela a que axilice diante da Xunta a chegada da fibra óptica ao conxunto das parroquias de todo o termo municipal”
O BNG considera urxente este servizo que garantiza un acceso de calidade a internet, sobre todo agora cando moitas familias precísano por motivos laborais, educativos e para garantir a competitividade das pequenas empresas e produtores locais.
O portavoz nacionalista Ernesto Filgueira lembroulle á veciñanza que o BNG leva desde 2019 levando o tema de xeito reiterado ao Concello, e comprometeuse a seguir insistindo até conseguir a completa implantación da fibra óptica en todo o termo municipal. “Emprazarei ao sr Cubela a abordar esta situación con máxima urxencia e instareino a presionar tanto á Xunta como ás instaladoras para que a fibra óptica chegue axiña a todo o concello ,e así reverter o que tristemente é unha realidade: que neste ámbito Cerdedo-Cotobade vai no vagón de cola”.