O Enreguéifate arrinca unha oitava edición de puro magnetismo
O Enreguéifate vén de presentar as novidades da súa oitava edición. O proxecto impulsado polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo, reivindica o valor da improvisación oral en verso, a regueifa, como unha das expresións máis representativas da poesía popular oral galega e como unha vía para fomentar o uso da lingua galega, especialmente entre a mocidade.
A alcaldesa compostelá, Goretti Sanmartín apuntou que “estamos nun gran momento para facer visible e valorar, máis ca nunca, esta parte da nosa tradición, do noso patrimonio inmaterial”. Especialmente, tendo en conta que a regueifa, por ser unha das expresións representativas da poesía popular oral, será tamén protagonista das Letras Galegas 2025.
Enreguéifate, puro magnetismo! é o lema desta oitava edición que dará comezo cun obradoiro de formación para profesorado que terá lugar o venres, 18 de outubro, nas Escolas do Xardín Agra de Caldas de Carballo, da man de Manolo Maseda, Séchu Sende, Lupe Blanco e Josinho da Teixeira. Unha actividade gratuíta para a que está aberta a inscrición até o 15 de outubro a través da web do Enreguéifate. O obxectivo é que corenta e cinco docentes de toda Galicia coñezan o valor da regueifa como ferramenta didáctica. Un contido que enriquece a práctica educativa e o desenvolvemento no só cultural, senón tamén emocional, relacional e colectivo do alumnado. E faino, ademais, dun xeito lúdico e inclusivo, dúas das claves do seu éxito.
Obradoiros escolares para estender o poder magnético da regueifa
Segundo explicou o concelleiro de Normalización Lingüística de Pontevedra, as alumnas e alumnos volven ser os destinatarios principais deste certame Enreguéifate. Durante o primeiro e segundo trimestre realizaranse preto de 80 obradoiros de improvisación oral destinados ao alumnado de 5o e 6o de Primaria e da ESO de centros educativos dos concellos impulsores da iniciativa. Lupe Blanco, Josinho da Teixeira, Nuria das Cruces, O Rabelo e Xairo de Herbón serán nesta edición as persoas encargadas de impartir estas accións formativas. “Unha aposta decidida por introducir a práctica regueifeira nas aulas, como un xeito de promover a normalización e valorización da nosa lingua”, para que as e os escolares “gocen do uso do galego”, partindo da premisa de que “o ámbito educativo e cultural é clave para manter vivo o idioma entre as novas xeracións”, en palabras de Demetrio Gómez.
Prazo e categorías do certame regueifeiro
Con esta oitava edición do Enreguéifate volve tamén unha das súas citas imprescindibles, o certame de regueifas en vídeo. O prazo para participar estará aberto entre o 20 de xaneiro e o 20 de marzo de 2025. A inscrición poderá realizarse desde a páxina web do Enreguéifate, onde están xa dispoñibles as bases completas do certame. As persoas interesadas en participar deberán enviar un vídeo no que aparezan, como mínimo, dúas persoas regueifando en galego e cunha duración máxima de 3 minutos.
Os galardóns entregaranse nunha gala que este ano volverá ser un fin de festa conxunto dos proxectos Enreguéifate e Regueifesta.