Soutomaior inicia a renovación das caldeiras dos campos municipais de fútbol
Soutomaior, 7 de outubro de 2024. Veñen de iniciarse no campo de fútbol de Salgueirón os traballos para a instalación dos novos sistemas de aerotermia, que tamén se instalarán no campo de fútbol Graciano Padín e que substituirán as obsoletas caldeiras de gasoil. Trátase dun sistema moito máis eficiente a nivel enerxético e que traerá aparellado un importante aforro económico ás arcas municipais, xa que se reducirá notablemente o consumo de combustible nestas instalacións deportivas.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, explicou que este importante investimento nos campos estase a levar a cabo grazas a que o Goberno local conseguiu unha subvención de máis de 55.000 euros procedente do Fondo de Cooperación Local, á que poden optar aqueles concellos cunha poboación inferior a 15.000 habitantes.
Neste sentido, o rexedor subliñou que este investimento nos campos de fútbol súmase a outras actuacións que se están a levar a cabo ou que se teñen previsto realizar nas vindeiras semanas. Así, destacou que as obras para o arranxo do acceso ao campo de fútbol de Soutomaior avanzan a bo ritmo e que, nas vindeiras semanas, deberían estar completamente rematadas, supoñendo unha notable melloría tanto a nivel estético como funcional.
Por outra parte, o alcalde Manu Lourenzo sinalou que a instalación destes sistemas de aerotermia tamén afondan na liña de traballo impulsada polo Goberno de Soutomaior para mellorar a eficiencia enerxética nas instalacións municipais. “Un dos nosos compromisos desde antes do comezo do mandato era traballar para reducir as emisións contaminantes e o dispendio de enerxía por parte do Concello. Máis dun ano despois, Soutomaior é un concello moito máis respectuoso co medio ambiente; realizamos importantes avances neste sentido, coa actuación en instalacións como os campos de fútbol ou no Multiusos de Arcade, pero queda aínda moito camiño por andar e seguiremos dando pasos neste sentido”.