O encoro do Umia, un perigo para a saúde pública
Caldas de Reis, 13 de agosto de 2020. A floración de cianobacterias que está a sufrir o encoro do Umia volve a tinguir de verde as augas do noso río máis icónico, contaminando ao seu paso paraxes como a fervenza de Segade ou o mesmo centro da vila de Caldas.
Dende o BNG chamamos a atención sobre o feito de que non se advirta de ningún xeito ás veciñas e veciños sobre o estado das augas, o que está a provocar que ducias de persoas se acheguen á fervenza de Segade a disfrutar dos días de calor do verán sen que se observe ningún tipo de sinalización que advirta aos bañistas nin da presenza das cianobacterias nin do perigo que as mesmas representan para a súa saúde, nin sobre a calidade das augas, o cal constitúe unha auténtica irresponsabilidade por parte da Xunta de Galiza.
“A Xunta do PP converteu ao gran río de Caldas nun problema de saúde pública e nun camposanto de fondos públicos, e lonxe de reparar o dano causado, o goberno de Feijóo está a actuar de forma temeraria e irresponsable” sinalou Manuel Fariña.
A historia do encoro da Baxe é unha historia de traizón dos gobernantes á cidadanía, pois foi construído contra a opinión maioritaria das veciñas e veciños que se saíron á rúa nas manifestacións máis multitudinarias que se recordan na comarca. Unha loita, a antiencoro, que foi exemplo de unión entre @s caldenses, pero tamén entre os concellos do Umia. Unha traizón consumada polo PP que foi o ideólogo e construtor, pero tamén polo PSOE, que non dubidou en sumarse ao peche de comportas e subirse á zodiac que surcou as augas do encoro mentres os seus ocupantes sacaban peito pola traizón consumada.