O edificio administrativo de Churruchaos volve á vida após a finalización da súa rehabilitación integral
Pontevedra, 22 de decembro de 2025. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, realizou este mércores unha visita institucional, acompañado do delegado do Goberno na Galiza, Pedro Blanco, co obxectivo de comprobar de primeira man os resultados do proxecto de rehabilitación integral realizado no edificio de Churruchaos.
O proxecto está cofinanciado polas axudas á rehabilitación de edificios de titularidade pública, incluídas dentro do Programa de Impulso a la Rehabilitación de los Edificios Públicos (PIREP).
Así, no caso do edificio municipal de Churruchaos, tratouse dunha obra de “gran complexidade”, e que contou cun investimento próximo aos 1.300.000 euros, rehabilitando e reformando de xeito integral 800 metros cadrados a través do seu baixo e os seus tres andares. Entre os puntos máis importantes desta obra aparece a dotación de accesibilidade universal, climatización e unha mellora substancial do illamento exterior.
Lores amosou a súa satisfacción polo resultado dunha obra que cualificou como "incríbel" e que supón un "antes e un despois" para as dependencias administrativas municipais. A intervención, deseñada pola arquitecta Magdalena Portela, destaca pola súa gran luminosidade natural, a mellora do illamento enerxético e a plena accesibilidade tanto para o persoal coma para a cidadanía.
Ademais, o rexedor anunciou que o edificio albergará os servizos técnicos municipais de arquitectura e enxeñería, que até agora se atopaban na Casa Consistorial. Segundo Lores, esta mudanza permitirá ás funcionarias e funcionarios traballar nunhas condicións óptimas de salubridade e modernidade. Tamén volverá a área de Patrimonio a este edificio (na práctica, todos os servizos municipais situados hoxe na Casa Consistorial, serán trasladados a este espazo).