O Concello de Pontevedra reforza o alumeado artístico da cidade coa iluminación da fachada de Santa Clara
Pontevedra, 26 de decembro de 2025. No marco do compromiso do Goberno Local co mantemento e a posta en valor dos espazos públicos, o concelleiro de Servizos básicos urbanos, Xaquín Moreda, vén de confirmar a finalización dos traballos de colocación de alumeado artístico na fachada de Santa Clara.
A intervención técnica consiste na instalación de oito proxectores de tecnoloxía LED. Estas unidades teñen unha potencia de 24 vatios e foron seleccionadas cunha temperatura de cor de 3.000 graos Kelvin, o que permite ofrecer unha iluminación cálida que respecta e resalta a estética orixinal do edificio.
Segundo explicou o concelleiro Moreda, esta actuación responde a unha necesidade dobre. Por unha banda, busca completar o alumeado dunha rúa que rexistra un elevado tránsito de persoas cada día en Pontevedra. Doutra, o obxectivo é resaltar a beleza da fachada de Santa Clara de xeito inmediato. Aínda que o monumento será obxecto dunha rehabilitación integral no futuro que incluirá a súa propia iluminación artística, Moreda sinalou que a tardanza deses prazos facía imprescindible esta actuación previa para non demorar máis a mellora estética do entorno.
Este proxecto para Santa Clara non é un feito illado, senón que forma parte dun plan estratéxico de recuperación do alumeado artístico que xa deixou a súa pegada noutros puntos clave da cidade. Entre as actuacións máis recentes, o concelleiro lembrou a renovación da iluminación na Praza da Peregrina, o alumeado do Campiño de Santa María e os novos focos instalados tanto no chan como no muro da Praza de Méndez Núñez. Así mesmo, mencionou os bancos iluminados que agora forman parte da paisaxe da Avenida de Compostela como exemplo deste esforzo por integrar luz e deseño urbano.