A DXT incorporará o Plan Móvese da Deputación

DEPUTACIÓN, DXT, UXÍO
DEPODXT

A Dirección Xeral de Tráfico incorporará o Plan Móvese da Deputación de Pontevedra na súa estratexia de seguranza viaria para as travesías

A DXT incorporará o Plan Móvese da Deputación

O deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, participou en Madrid na xornada obradoiro da Dirección Xeral de Tráfico sobre ‘O tratamento de travesías para a seguranza viaria e a habitabilidade’ para presentar o Plan de Mobilidade e Velocidade Segura (Móvese) da Deputación de Pontevedra. Este Plan foi considerado ‘experiencia de referencia’ por parte da DXT e será incorporado no documento que o organismo está a elaborar sobre a chamada ‘Estratexia T’, que recollerá directrices e pautas de actuación para mellorar a seguranza viaria nas travesías de todo o estado.

“Os técnicos da DXT e da consultora que está a elaborar a Estratexia T consideraron moi ambiciosa a aposta da Deputación co Plan Móvese tanto polo seu volume de inversión, polo seu alcance nas vías provinciais, como pola fórmula para calmar o tráfico”, explicou Benítez, quen sinalou que a a DXT tamén aposta pola filosofía da mobilidade sustentable poñendo aos peóns como principais protagonistas ao realizar actuacións en estradas. 

O deputado afirmou que a Dirección Xeral de Tráfico xa recoñeceu o traballo da Depo simplemente co feito de convidala a participar na xornada obradoiro, a onde a consultoría que realiza a ‘Estratexia T’ convidou ás institucións con traballos máis destacados, pero salientou que o feito de que “os xestores en infraestruturas teñamos o aval da Estratexia T da Dirección Xeral de Tráfico nas nosas actuacións danos autoridade para seguir apostando no futuro por tratamentos de estradas sustentables”, asegurou.

Na súa presentación o deputado falou da concepción de violencia viaria e lembrou os datos de sinistralidade dos últimos tempos: 247 peóns faleceron en sinistros dentro de áreas urbanas do estado español, que tamén sufriu 13.436 feridos nas cidades (1.763 de gravidade) no 2015.

Fronte a estes datos, Benítez asegurou que é obriga das administracións tomar medidas para mellorar a seguranza viaria, xa que incorrerían en neglixencia de non actuar. Nese camiño, o novo departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra, explicou o deputado, tomou a decisión de calmar o tráfico como eixo estratéxico.

Benítez destacou que a Deputación apostou por un cambio de concepto ao deseñar as actuacións nas vías provinciais e considera que as travesías non son estradas, senón rúas nas que a prioridade debe ser a protección das persoas. Neste sentido, afirmou que o Plan Móvese é en realidade un plan de choque que pretende diminuír a velocidade dos vehículos en zonas sensibles con mecanismos físicos, xa que está demostrado que non é suficiente nin coa sinalización horizontal e vertical nin cos radares. “O espírito do Plan Móvese é recuperar esas rúas, esas travesías, como espazos urbanos para as persoas”, salientou. 

O nacionalista explicou que o territorio da provincia de Pontevedra é moi diferente do resto do estado pola súa densidade de poboación e pola existencia de máis da metade dos núcleos de poboación de todo o Estado. “Se en todo o Estado hai 1.000 quilómetros de travesías, só na provincia de Pontevedra, de titularidade da Deputación, hai 300 quilómetros que están cualificadas como zona urbana nos PXOM dos Concellos, pero que aumentan a 500 quilómetros na realidade porque hai vías que pasan por núcleos de poboación que nin sequera teñen planeamentos urbanísticos e onde os movementos de persoas teñen que convivir cos vehículos de paso”, dixo. 

Finalmente, Benítez lembrou que a actuación de calmado do tráfico nas vías provinciais ten un exemplo a seguir no concello de Pontevedra, onde rúas como a Avenida de Vigo, Sagasta ou Michelena foron no seu día vías interurbanas de paso nas que rexían normativas que non permitían unha mobilidade peonil segura. 

“Os beneficios de actuar no calmado do tráfico ten moitas vantaxes, ademais da principal da redución do número de accidentes e de feridos, tamén se produce unha clara  diminución das emisións de CO2. As administracións teñen a responsabilidade de evitar as vítimas e deben buscar os mecanismos máis axeitados para as súas características”, apuntou.

A xornada sobre a ‘Estratexia T. O tratamento de travesías para a seguranza viaria e a habitabilidade’ contou, ademáis de co deputado Uxío Benítez e os técnicos provinciais Jesús Fole e Noemí Romero, coa participación de representantes da Deputación de Barcelona, Generalitat Valenciana, Donostia, Guipuzkoa, Castela e León e Murcia. Logo da presentación das experiencias de referencia, na sesión de traballo por grupos debateuse sobre os conceptos de travesía na lexislación de seguranza viaria e de estradas.  

Así mesmo, puxéronse sobre a mesa os diferentes tipos tratamentos das travesías e elementos redutores de velocidade e debateuse como xerar un corpo común de coñecemento e xerar recomendacións técnicas para estradas locais. 

En canto ao plantexamento da Estratexia T, os técnicos da DXT Ana Blanco e Pedro Tomás fixeron unha exposición sobre as razóns e o contexto no que se plantexa a estratexia, datos sobre o número, lonxitude e accidentalidade asociada e a xerarquización viaria e a implicación das travesías. Por outra parte, o técnico Alfonso Sanz, da consultora GEA21, abundou na cuestión xurídica e competencial estatal e autonómica, a multiplicidade das miradas sobre as travesías, a súa diversidade e as ferramentas de tratamento. 

 

A DXT incorporará o Plan Móvese da Deputación