A oficina de Viaqua en Arcade non ten acceso para persoas con mobilidade reducida
O BNG de Soutomaior denunciou no pasado pleno que o goberno local de Soutomaior permita que a empresa Viaqua, adxudicataria da xestión da auga en Soutomaior, non teña acceso para persoas con discapacidade.
O BNG de Soutomaior denunciou no pasado pleno que o goberno local de Soutomaior permita que a empresa Viaqua, adxudicataria da xestión da auga en Soutomaior, non teña acceso para persoas con discapacidade.
Estamos a falar da adxudicación dun servizo público e que, polo tanto, o concello debe garantir o acceso a todas as veciñas e veciños para realizar os trámites necesarios.
Nese sentido, a concelleira nacionalista María Menduiña sinalaba que “non é de recibo que o concello permita barreiras arquitectónicas nunha empresa que xestiona un ben público como a auga. A actitude do goberno local a respecto das persoas con mobilidade reducida é de pasotismo absoluto; algo que se demostra nas barreiras arquitectónicas de Viaqua, mais tamén en moitas outras dependencias públicas como a biblioteca de Arcade, a antiga escola de Aranza e mesmo nos centros escolares públicos. Dende o BNG esiximos que se poñan solucións a estas discriminacións”
Pola súa banda, o voceiro municipal do BNG, Manu Lourenzo sinalou que ”este é outro exemplo dos privilexios que dende o PP de Soutomaior lle conceden á empresa adxudicataria da auga. Privilexios como os de abrir o servizo de atención ao público tan só dúas horas ao día, como o de cortar a auga sen sequera avisar aos veciños ou como o de ter un local de atención aos veciños sen acceso para as persoas con mobilidade reducida. Non pode ser que un goberno local antepoña os intereses dunha empresa aos dereitos da veciñanza”, concluía