O director da Axencia Europa de Seguridade Viaria define a Pontevedra como "o futuro da seguridade viaria urbana"
Pontevedra, 12 de abril de 2024. Os membros da Comisión Europea ‘EU Road Safety Exchange’, que durante dos dúas visitaron Pontevedra para afondar e comprender os elementos que fixeron posíbel a transformación urbana, en especial aqueles aspectos relacionados coa seguridade viaria, resaltan que a cidade do Lérez é o futuro da seguridade viaria urbana.
O alcalde de Pontevedra, que os acompañou nunha visita pola cidade, sinalou que esta visita formaba parte dun proxecto derivado da Comisión Europea ao redor da seguridade viaria, e lembrou, ademais, que Pontevedra foi galardoada co Primeiro Premio de Seguridade Viaria Urbana da Unión Europea, no ano 2020.
“A impresión que eu teño, logo de conversar e falar con eles, e que consideran que Pontevedra é un bo exemplo non só na teoría, senón tamén na práctica”, explicou Lores.
Así, o director da Axencia Europea de Seguridade Viaria, Antonio Avenoso, indicou que o proxecto EU Road Safety Exchange conta con financiamento do Parlamento Europeo, xestionado a través da Comisión Europea. “A idea do proxecto é doada: coñecer as boas prácticas nos países da UE e como aplicalas a outros países”, sinalou. “Temos 19 países involucrados e coñecíamos Pontevedra polo premio que lle foi outorgado, mais o que vimos aquí foi unha enorme sorpresa”.
“Eu síntome coma nun soño. Pontevedra conta coa seguridade e a mobilidade viaria como debería ser en todos os países e cidades do mundo”, sentenciou. “Quero que todos os socios desta da Unión Europea poidan ver cos seus ollos o que Pontevedra fixo. Isto é o futuro da seguridade viaria urbana”.
Avenoso destacou e subliñou como elementos máis sorprendentes a convivencia amábel entre peóns de todas as idades e os vehículos ou a mínima presenza de coches nas entradas dos colexios, que definiu como “impresionante”.